A Deputación da Coruña e a Cámara de Comercio de Santiago achegan o emprendemento ás aulas co programa Provincia Emprendedora
Emprendendo nas aulas desenvolverase ao longo do curso académico 2025-2026 con máis de 60 sesións e a participación prevista de máis de 600 alumnos e alumnas
A Deputación da Coruña, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago, continúa a fomentar o espírito emprendedor entre a mocidade da provincia a través do programa Provincia Emprendedora, que nos dous primeiros meses de actividade xa alcanzou a máis de 340 estudantes.
O programa Provincia Emprendedora ten como finalidade apoiar e promocionar o emprendemento e a actividade empresarial como ferramentas para a creación de emprego estable e de calidade, a xeración de riqueza e o desenvolvemento socioeconómico da provincia. Estrutúrase en tres eixos: dinamización do espírito emprendedor no ámbito educativo mediante Emprendendo nas aulas, servizo de apoio a autónomos/as e empresas na busca de financiamento, e información e asesoramento a persoas emprendedoras.
Emprendendo nas aulas busca fomentar o emprendemento e a cooperación entre a mocidade, ofrecendo apoio aos centros educativos en materia de competencias emprendedoras e transversais. As sesións planifícanse en coordinación co profesorado e adaptadas á idade e necesidades do alumnado, ofrecendo un complemento á actividade docente.
Ao longo do curso académico 2025-2026 están previstas máis de 60 sesións en distintos centros e localidades, entre elas Santiago de Compostela, Vedra, Porto do Son, Mazaricos, Muros, O Pino ou A Pobra do Caramiñal, con máis de 600 alumnos e alumnas participantes. Debido ao grande interese suscitado, está prevista a ampliación das actividades para chegar a máis centros educativos da provincia.
Os centros interesados en participar poden contactar coa Cámara de Comercio de Santiago enviando un correo a emprende@camaracompostela.org ou chamando ao teléfono 981 596 800 (área de Emprendemento).
