Estás en:Novas

Oitenta e unha empresas de Muros recibiron axudas do PEL da Deputación para mellorar a súa actividade e contratar persoal

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, visitou a empresa local Galuriña, especializada en produtos de alimentación elaborados a partir de algas mariñas, que recibiu axudas PEL para mellorar a súa actividade

O prazo de solicitudes das axudas PEL 2026 está aberto ata o 16 de decembro

Oitenta e unha empresas de Muros recibiron axudas do PEL da Deputación para mellorar a súa actividade e contratar persoal

Rosa Ana García e Mari Carmen Sánchez, na visita da deputada a Galuriña

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña visitou hoxe en Esteiro (Muros) a empresa local Galuriña para coñecer de primeira man a súa actividade e destacar o apoio da institución ás pequenas empresas a través do Plan de Emprego Local (PEL).

Galuriña, especializada en produtos de alimentación elaborados a partir de algas mariñas, produce empanadas e pizzas ecolóxicas que combinan tradición e innovación. A empresa acaba de ser distinguida polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación co premio honorífico de Excelencia á innovación para mulleres rurais na categoría de actividade pesqueira e acuícola.

Segundo explicou a responsable da empresa, Mari Carmen Sánchez, Galuriña recolle algas autóctonas da ría de Muros e Noia, que procesan artesanalmente para elaborar masas sen aditivos nin conservantes, incorporando peixes, mariscos e opcións vexetarianas ou veganas. Este enfoque permite ofrecer produtos de alta calidade, respectuosos co medio ambiente e co territorio.

"Galuriña é un claro exemplo de como a innovación e a aposta polo producto local poden converter un pequeño proxecto emprendedor nun referente de calidade e sostibilidade no sector agroalimentario", destacou a deputada.

Rosa Ana García apuntou que Galuriña é unha das 81 empresas de Muros que se beneficiaron das axudas do PEL desde a súa creación para impulsar e modernizar a súa actividade, unhas axudas que ao longo da provincia xa alcanzaron a máis de 7.000 empresas.

Aberto o prazo de solicitudes do PEL 2026

Durante a visita, na que estivo tamén o concelleiro de Xuventude de Muros Damián Torea, a deputada lembrou que actualmente está aberto o prazo de solicitude das diferentes liñas de axudas PEL 2026, dotadas cun orzamento total 8,6 millóns de euros.

O programa ofrece axudas de ata 48.900 euros para a contratación de persoal, a realización de investimentos de mellora nas pequenas empresas, o pagamento da cota de autónomos e, como novidade para o vindeiro ano, tamén permite cubrir os gastos do alugueiro de locais.