A Deputación da Coruña participou na apertura das XV Xornadas “Achégate á Igualdade” en Ames
A Deputación da Coruña participou hoxe na apertura institucional das XV Xornadas "Achégate á Igualdade", que se desenvolven na Casa da Cultura do Milladoiro (Ames). O encontro, organizado polo Concello de Ames, reafirmou o seu papel como referencia na loita contra a trata e a explotación sexual, reunindo profesionais, expertas e entidades sociais comprometidas coa defensa dos dereitos das mulleres e nenas.
A institución provincial estivo representada pola deputada responsable das áreas de Política Social, Educación e Mocidade, Mar García Vidal, que participou na inauguración amosando o compromiso da Deputación coa igualdade, a prevención da violencia e a protección das vítimas da trata. A deputada destacou a importancia de fortalecer a colaboración institucional e de garantir recursos adecuados para apoiar as mulleres en situación de vulnerabilidade.
Ao longo das quince edicións realizadas, estas xornadas consolidáronse como un espazo esencial de formación, concienciación e denuncia social, orientado a avanzar cara a unha sociedade libre de violencia e explotación sexual en todas as súas formas.
