Estás en:Novas

Rosa Ana García inaugura no CEI a XIX edición do I+P, Ideas para Producir, e reivindica a aposta da Deputación pola industria audiovisual galega

O CEI, o estudio virtual máis avanzado de España que foi impulsado pola Deputación, acolle a xornada de pitching con 17 proxectos seleccionados entre case 200 candidatos

Rosa Ana García inaugura no CEI a XIX edición do I+P, Ideas para Producir, e reivindica a aposta da Deputación pola industria audiovisual galega

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García, inaugurou esta mañá no Coruña Estudio Inmersivo (CEI) a XIX edición do foro profesional I+P-Ideas para Producir, organizado polo Clúster Audiovisual Galego e convertido xa nun dos eventos clave do ecosistema audiovisual estatal.

O encontro reúne na Coruña a persoas produtoras, creadoras e responsables das principais plataformas e televisións españolas para coñecer e avaliar 17 proxectos de cinema e televisión, seleccionados entre case 200 propostas presentadas. Trátase dun espazo estratéxico para facilitar a venda, financiamento, distribución e coprodución de contidos, ao tempo que promove a diversidade cultural e lingüística de Galicia e reforza a cooperación entre territorios.

A aposta da Deputación polo audiovisual

No acto de apertura, Rosa Ana García destacou que o desenvolvemento do I+P no CEI "confirma a vontade da Deputación da Coruña de situar Galicia como un territorio idóneo e competitivo para o sector audiovisual, un sector punteiro emerxente e cun enorme potencial en creación de emprego cualificado e na proxección exterior de Galicia". Engadiu ademais que o compromiso da institución provincial "é firme e crecente, porque estamos convencidos de que o audiovisual é unha industria estratéxica para o futuro da provincia e para o talento galego".

O CEI, posto en marcha pola Deputación da Coruña e xestionado por Pedralonga Estudios, ofrece o maior plató virtual de España e un dos máis avanzados de Europa, nun momento no que as tecnoloxías inmersivas están transformando os procesos de rodaxe en todo o mundo.

Un espazo para proxectar o talento galego

A xornada de pitching desenvolveuse durante a mañá, coa presentación de proxectos de longametraxes, documentais, animación, series de ficción e docuseries.

Posteriormente tiveron lugar os encontros profesionais entre produtoras galegas e estatais e representantes de canles e plataformas como RTVE, Atresmedia, Mediaset España, Movistar Plus+, Amazon Prime Video, HBO Max, Disney+, AMC Networks, Warner Bros. Discovery, 3Cat, Aragón TV, Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta, Treeline Distribution ou Portocabo, entre outras.