O pleno da Deputación aproba un investimento de 470.000 euros para a construción dunha senda peonil entre Piadela e Viladesuso, en Betanzos
Construirase un itinerario peonil e ciclista de 1,5 quilómetros pola marxe esquerda da DP-0810.
A Deputación da Coruña acaba de aprobar no pleno de hoxe, venres 28 de novembro, o proxecto técnico para a execución dunha nova senda peonil e ciclista no tramo da estrada provincial DP-0810 comprendido entre os puntos quilométricos 1+000 e 2+500, entre Piadela e Viladesuso, no concello de Betanzos. A actuación, cun investimento total de 471.138,40 euros, permitirá completar a continuidade dun itinerario seguro tanto para peoas e peóns como para ciclistas ao longo desta vía, que presenta unha intensidade media diaria próxima aos 2.300 vehículos.
A intervención contempla a construción dunha senda de 1,5 quilómetros situada na marxe esquerda da estrada. A nova senda contará cun ancho de 2,05 metros e executarase en formigón coloreado ocre ou terrazo, asentado sobre capa de grixo, co obxectivo de garantir unha maior integración paisaxística e unha circulación cómoda e segura. Entre a calzada e a senda instalarase un bordo e unha levada de formigón que conducirá as augas pluviais cara aos sumidoiros e pozos de rexistro previstos no novo sistema de drenaxe.
O proxecto inclúe tamén a execución dunha cuneta de seguridade no treito comprendido entre os puntos quilométricos 1+080 e 1+250, co fin de mellorar a seguridade e optimizar o espazo nunha zona de carácter máis urbano. Ademais, acometerase a implantación das canalizacións necesarias para completar a rede de iluminación pública nun tramo de aproximadamente 600 metros que actualmente carece de iluminación, entre a saída de Piadela e a chegada a Viladesuso. O Concello de Betanzos asumirá posteriormente a instalación do cableado, báculos e luminarias.
As obras prevén tamén a instalación de varandas en zonas onde o desnivel do terreo supera os 1,8 metros, co fin de reforzar a seguridade das e dos usuarios. Realizaranse ademais traballos previos de limpeza, retirada de sinais —que serán recolocados unha vez que finalicen as actuacións—, demolicións puntuais en accesos e camiños, así como a relocalización dun poste de telecomunicacións e dunha marquesiña.
O prazo de execución previsto é de catro meses desde o inicio das obras. A Deputación da Coruña subliña que esta intervención supón un avance fundamental na mellora da mobilidade sostible en Betanzos, garantindo unha conexión segura entre dous núcleos de poboación e completando a continuidade da senda ao longo da DP-0810, unha vía que dá servizo a unha ampla contorna rural cun intenso tráfico diario.
