Estás en:Novas

A Deputación da Coruña reivindica en Culturgal a cultura como dereito e chama a fortalecer o ecosistema creativo galego

A deputada de Cultura, Natividade González destaca en Culturgal, a maior feira do sector, o papel deste evento como gran escaparate e punto de encontro do talento galego

A Deputación da Coruña promove a creación galega en Culturgal con obradoiros, mesas redondas e música en directo

A Deputación da Coruña reivindica en Culturgal a cultura como dereito e chama a fortalecer o ecosistema creativo galego

Intervención de Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña participou este venres na inauguración de Culturgal 2025, a maior feira das industrias culturais galegas, cunha ampla presenza institucional e cun programa concebido para visibilizar o talento creativo da provincia. A institución estivo representada na apertura pola deputada de Cultura, Natividade González, quen destacou que "Culturgal é o gran escaparate da creación cultural galega, un lugar en que gozar dun programa diverso e amplo que cada ano atrae públicos moi diferentes".

Na súa intervención, González subliñou o carácter comunitario e de encontro do evento. "É un espazo para vivir a cultura en comunidade: para acudir en familia, para descubrir, para sorprenderse". Ademais, engadiu que "Culturgal é tamén encontro e rede, o lugar onde se conectan artistas, creadoras e creadores, entidades, empresas e público, e onde medra o tecido cultural galego".

A Deputación da Coruña chega a esta edición con actividades que abranguen literatura, banda deseñada, música e artes visuais, así como propostas divulgativas. "Estamos aquí para compartir proxectos, apoiar a creación e achegar ao público as iniciativas culturais que impulsamos ao longo do ano," abundou a deputada responsábel de Cultura.

Entre as iniciativas destacadas figuran os certames literarios, a presentación do libro 'O Cancioneiro galego-portugués', a exposición retrospectiva dos 20 anos do Premio Castelao de Banda Deseñada e as residencias de Mariñán. "Son propostas que amosan a diversidade e a vitalidade da nosa cultura," sinalou González.
Ademais, a Deputación contará cun posto propio no que o público poderá coñecer a campaña 'A cultura para unha vida mellor', o catálogo 'Unha lingua con orgullo' e a nova plataforma para móbiles da Rede Cultural.

Para rematar, Natividade González fixo un chamamento á participación cidadá e ao compromiso institucional co tecido creativo. "A cultura é un dereito, e Culturgal é unha oportunidade única para celebralo, compartilo e recoñecer o talento do noso país", concluíu.

Programación da Deputación da Coruña en Cultural 2025

Exposición permanente (28-30 de novembro)
'20 anos do Premio Castelao: O certame emblemático da BD galega'. Espazo Arte.

Venres, 28 de novembro
- 11:00. Acto de inauguración.
- 17:00 a 17:45. Presentación do libro 'O Cancioneiro galego-portugués', coa deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Sol Agra, xunto a Santi Veloso e Domingo Blanco. Espazo Lectura.
- 18:00 a 18:45. Premios que tecen redes: Certames literarios da Deputación da Coruña, con Susana Pedreira, Sandra López e María Dolores Rodríguez, e unha intervención inicial de Natividade González. Espazo A.
- 19:30 a 20:45. Ronco: disección anatómica da gaita, do colectivo INCRA (Andrés Rodrigues e Iván Nespereira), con Aitana Cuétara. Espazo Cine.

Sábado, 29 de novembro
- 12:00 a 13:30. Obradoiro de banda deseñada por Sandra López (Premio Castelao 2024). Aulas.
- 13:00 a 13:45. Mesa Redonda do Premio Castelao de Banda Deseñada. Espazo Arte. Óscar Iglesias, Paula Mayor, Begoña García-Alén, Julia Lago e Sabela Herrero.
- 18:00 a 18:45. Premios que tecen redes: Certames literarios da Deputación da Coruña, con Susana Pedreira, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Miriam Ferradáns, e intervención inicial de Natividade González. Espazo A.

Domingo, 30 de novembro
- 12:00 a 12:45. Premios que tecen redes: Certames literarios da Deputación da Coruña, con Susana Pedreira, Rosa Aneiros, Erica Rosalía, Laura Suárez, e intervención inicial de Natividade González. Espazo A.
- 16:00 a 17:00. 'A Pedreira, Basal', presentación do discofilm de Ugia Pedreira. Intervencións iniciais de Natividade González, Ugia Pedreira e Óscar Górriz. Espazo Cine.
- 17:00 a 17:55. Premio 'Quero Cantar' de música infantil e xuvenil, con Gael Ares, Emma e Tono Formoso. Espazo Infantil.
- 17:00 a 18:00. Actuación grupo finalista do Premio 'Narf' para grupos e artistas, con Belém Tajes e Marián e intervención inicial de Natividade González.