Estás en:Novas

A Coruña acolle a XXXIII edición do Campionato de España de Dominó por Parellas, con máis de 500 participantes de todo o país

A competición celébrase do 6 ao 8 de decembro no Hotel NH Collection Finisterre

A Coruña acolle a XXXIII edición do Campionato de España de Dominó por Parellas, con máis de 500 participantes de todo o país

A Coruña converterase esta ponte festiva na capital nacional do dominó coa celebración da XXXIII edición do Campionato de España de Dominó por Parellas, que terá lugar entre o 6 e o 8 de decembro no Hotel NH Collection Finisterre e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

O evento reunirá na cidade a máis de 500 participantes procedentes de todas as comunidades autónomas de España, converténdose nun dos encontros máis multitudinarios da historia desta competición.

O presidente da Deputación da Coruña recibiu hoxe no Pazo Provincial a unha delegación dos participantes encabezada polo presidente e o secretario da Federación Española de Dominó, Faustino Alegría e Antonio Carmona, así como polo presidente e o vicepresidente da Federación Galega, Manuel Seoane e Ángel Corredoira, que o invitaron a presidir mañá a inauguración oficial do campionato.

Durante o encontro, o presidente deu a benvida aos xogadores e xogadoras, moitos dos cales chegan acompañados das súas familias, e convidounos a "gozar dunha fin de semana única na Coruña, unha cidade perfecta para vivir este campionato e esta ponte festiva".

A Deputación destacou tamén o impacto positivo que supón para a cidade a celebración dun torneo desta dimensión, tanto no ámbito deportivo como no económico e turístico, dada a alta participación e a chegada de visitantes de todo o país.