Sol Agra defende en Rianxo o valor do cinema documental na apertura de Mares da Fin do Mundo
A deputada de Lingua salientou que o festival se consolida como unha "cita de referencia" e para a difusión da cultura vinculada ao mar
Puxo en valor a implicación con este certame da veciñanza, dos centros educativos, das asociacións e das empresas
O Auditorio Municipal de Rianxo acolleu hoxe a cerimonia inaugural da VIII edición da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, que se desenvolverá na localidade entre o 10 e o 14 de decembro. A deputada de Lingua, Sol Agra, asistiu ao acto e salientou que o festival continúa a consolidarse como unha "cita de referencia" para o documental contemporáneo e para a difusión da cultura vinculada ao mar.
Durante a súa intervención, Agra referiuse á traxectoria da mostra como unha travesía que foi afrontando etapas diversas até chegar a Rianxo, e evocou as dificultades superadas ao sinalar que a organización "sempre lle puxo a proa ás dificultades e seguiu navegando". Destacou que o certame reúne obras arredor das persoas "que viven do e para o mar", xunto con actividades paralelas que achegan coñecemento especializado e participación da mocidade.
A deputada puxo en valor a implicación da veciñanza, dos centros educativos, das asociacións e das empresas, ao considerar que a mostra deixa en cada territorio "todo o quiñón que deixa en cada concello no que atraca, facendo partícipes os centros educativos, as asociacións, as empresas e toda a veciñanza". Subliñou ademais que a área de Cultura da Deputación continuará a apoiar o proxecto como parte do impulso que lle permite avanzar en cada edición.
