Estás en:Novas

A Deputación da Coruña publica as bases das edicións 2026 dos premios Luis Seoane, Luís Ksado e Jesús Núñez

A Deputación da Coruña vén de facer públicas no Boletín Oficial da Provincia as bases das convocatorias 2026 dos premios Luis Seoane de deseño, Luís Ksado de creación fotográfica e Jesús Núñez de arte gráfica. Os tres certames abrirán o prazo de presentación de propostas o 10 de febreiro do próximo ano, con datas de peche que se estenden entre o 10 de abril e o 29 de maio, segundo o premio.

A Deputación da Coruña publica as bases das edicións 2026 dos premios Luis Seoane, Luís Ksado e Jesús Núñez

O Premio Luis Seoane, que chega á súa segunda edición, está destinado a recoñecer traxectorias profesionais no ámbito do deseño. As persoas, colectivos ou entidades propostas deberán acreditar unha dedicación mínima de dez anos e unha relación directa con Galicia, ben polo exercicio profesional no territorio ou pola realización de obras relevantes para clientes galegos. O premio, dotado con seis mil cincocentos euros, admitirase por convocatoria pública entre o 10 de febreiro e o 10 de abril a través da plataforma telemática da Deputación. As candidaturas deberán incluír memoria explicativa, currículo detallado e fotografías das pezas máis significativas, ademais da documentación que permita a súa tramitación electrónica. A resolución final corresponderalle á Presidencia, tras a proposta dun xurado integrado por profesionais do deseño e persoas vinculadas ao ámbito empresarial ou cultural.

O Premio Internacional Luís Ksado de creación fotográfica, que acada a súa vixésima edición, manterá aberto o envío de obras entre o 10 de febreiro e o 29 de maio. Dirixido a persoas maiores de idade que non fosen premiadas en convocatorias anteriores, esténdese ás disciplinas do fotodocumentalismo, fotoperiodismo e reportaxe en xeral, con series de entre seis e doce fotografías en formato 30 x 40 centímetros. A presentación realizarase baixo sistema de plica e deberá incluír, en sobres diferenciados, tanto a colección como a documentación persoal, currículo, declaración responsable de autoría e cesión non exclusiva de dereitos para efectos de exposición, publicación e catálogo. O premio único está dotado con seis mil cincocentos euros e poderá declararse deserto ou concederse ex aequo. O xurado poderá seleccionar obras non premiadas para a realización dunha exposición itinerante por municipios da provincia e para a edición dun catálogo, co correspondente aboamento dunha indemnización de quinientos euros ás persoas participantes seleccionadas.

Pola súa banda, o Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica, que cumpre vinte e unha edicións, abrirá tamén a inscrición o 10 de febreiro e pechará o prazo o 10 de abril. A convocatoria está dirixida a persoas maiores de idade que non obtivesen o premio nos últimos cinco anos e que presenten obras inéditas con unha antigüidade máxima de tres anos. Establécese un primeiro premio dotado con seis mil cincocentos euros e cunha exposición na Fundación CIEC, ademais de dous accésits consistentes en bolsas de matrícula para o Máster de Obra Gráfica impartido por esta institución. As solicitudes poderán presentarse por medios electrónicos, en rexistros oficiais ou por correo postal, e excepcionalmente a través da Fundación CIEC cando existan dificultades acreditadas. As obras deberán remitirse á sede da Fundación en Betanzos, asinadas, sen enmarcar e acompañadas da copia da solicitude enviada á Deputación. O xurado poderá seleccionar até trinta obras non premiadas para unha exposición que se inaugurará na Fundación CIEC e continuará a súa itinerancia por concellos da provincia, coa edición do correspondente catálogo.

As resolucións de concesión dos tres premios faranse públicas no Boletín Oficial da Provincia, logo do proceso de valoración de cada xurado e dos informes preceptivos dos servizos provinciais. A participación nas convocatorias implica a aceptación íntegra das bases e das condicións relativas á protección de datos, cesións de dereitos e presentación de documentación establecidas pola Deputación da Coruña.