Estás en:Novas

A Deputación da Coruña fai públicos os nomes dos proxectos educativos gañadores do XII Premio Concepción Arenal

Ao certame, pola igualdade de xénero, concorreron centros das etapas de infantil, primaria e secundaria

Cada proxecto premiado recibe unha achega económica de 5.000 euros

A Deputación da Coruña fai públicos os nomes dos proxectos educativos gañadores do XII Premio Concepción Arenal

O XII Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade de xénero xa ten gañadores. Os traballos 'Un mar de arco iris', do CEIP María Pita, na categoría de educación infantil; 'Tecendo saberes', do Colexio de Educación Infantil e Primaria de Outes, na modalidade de educación primaria; e 'Patio para ti e para tods*', do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I de Santiago, na categoría de educación secundaria, bacharelato e formación profesional básica e grao medio, foron as propostas premiadas nesta edición, convocada pola Deputación da Coruña.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, felicitou as entidades premiadas e puxo en valor a traxectoria do certame, subliñando que "na maior parte dos colexios e institutos" da provincia se está a facer "un moi bo traballo para a promoción da igualdade de xénero". Por esta razón, fixo un apelo á participación en próximas edicións do certame, ao que poden concorrer tanto os centros educativos como as asociacións de nais e pais.

Agra lembrou ademais que cada un dos proxectos gañadores recibe unha achega económica de 5.000 euros, unha contía que "permite seguir impulsando iniciativas educativas en colaboración coas comunidades escolares".

Proxectos gañadores

No caso de 'Un mar de arco iris', o xurado salientou que se trata dun proxecto en fase de execución na etapa de educación infantil que promove a igualdade de xénero e a diversidade desde idades temperás, con especial atención á educación sexual a través de actividades creativas e emocionais. A proposta implica alumnado, profesorado e familias en itinerarios por cores que abordan identidade de xénero, corresponsabilidade, prevención da violencia, visibilización de mulleres e masculinidades diversas, afectividade e sexualidade, cun enfoque transversal en igualdade e especial atención á diversidade e á prevención das violencias.

De 'Tecendo saberes', desenvolvido polo CEIP de Outes, o xurado destacou o seu carácter transversal e o seu enfoque feminista e pedagóxico profundo, integrando a igualdade de xénero, a xustiza social e a diversidade no proxecto educativo do centro en educación primaria. A iniciativa parte da visibilización de mulleres relevantes en ámbitos como a ciencia, a arte, a tecnoloxía ou o deporte, incorpora metodoloxías activas e experiencias artísticas e fomenta o pensamento crítico, a creatividade e a convivencia igualitaria, implicando a comunidade educativa e entidades da contorna.

Na modalidade de educación secundaria, bacharelato e formación profesional básica e grao medio, o xurado propuxo como proxecto gañador 'Patio para ti e para tods*', do Instituto de Bacharelato Arcebispo Xelmírez I de Santiago. Segundo recolle a acta, trátase dunha proposta executada parcialmente que busca transformar os espazos de lecer e patio do centro nun entorno coeducativo, inclusivo, igualitario e seguro, a partir dunha diagnose participativa que identifica usos segregados por xénero. O proxecto propón a reconfiguración dos espazos e dos recreos, coa implicación do alumnado e dos equipos de convivencia e igualdade, prestando especial atención á visibilización do colectivo LGTBIQ+ e aos coidados como eixo dunha filosofía feminista.

O xurado do XII Premio Concepción Arenal estivo presidido pola deputada de Igualdade, Sol Agra Tuñas, e contou como vogais con Eva Ovenza Pereira, técnica de políticas de igualdade da Deputación da Coruña; Sara Vierna Fernández, educadora social e especialista en igualdade de xénero e educación emocional; e Ánxela Lema París, investigadora posdoutoral da Universidade da Coruña. Actuou como secretaria Manuela Muñiz Souto, xefa do servizo de acción social, cultural e deportes da Deputación.