A Deputación inviste 200.000 euros na reforma interior da residencia Centro Ricardo Baró de Aspronaga en Oleiros
O proxecto mellorará a accesibilidade, a funcionalidade e o confort dos espazos da residencia, que atende a 71 persoas con discapacidade
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente de Aspronaga, Nicanor Álvarez, asinaron un convenio de colaboración para financiar a reforma interior da residencia Ricardo Baró de Montrove (Oleiros). A institución provincial achega 200.000 euros a esta actuación, o que supón o 52,8 % dun investimento total de 378.805 euros.
O Centro Ricardo Baró é unha residencia permanente construída en 1985 que presta atención, na actualidade, a 71 persoas con discapacidade que precisan apoio continuado do persoal do centro para o desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria. A antigüidade do edificio e o intenso uso ao que está sometido fan necesaria unha intervención integral que permita adaptar os espazos ás necesidades actuais dos usuarios e do persoal.
O presidente da Deputación destacou que esta actuación "é un exemplo claro do compromiso da institución provincial coa mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade e co apoio ás entidades sociais como Aspronaga, que realizan un labor imprescindible". Formoso subliñou tamén que a actuación mellorará a accesibilidade, creará espazos máis humanizados e con maior confort para os usuarios e traballadores do centro.
Pola súa parte, o presidente de Aspronaga agradeceu o apoio que a administración provincial leva facendo as persoas con discapacidade intelectual con grandes necesidades de apoio dende o mesmo día da apertura do Cento Ricardo Baró, no ano 1989. "Unha estreita relación", afirmou Nicanor Álvarez, "que leva case catro décadas mellorando a calidade de vida das persoas con discapacidade e que é un exemplo de colaboración a prol dunha sociedade máis inclusiva, na que todos e todas teñamos o noso lugar".
O proxecto contempla a renovación e redistribución de diversos espazos interiores co obxectivo de mellorar a accesibilidade e a funcionalidade da residencia, tendo en conta ademais a futura construción dun edificio anexo que permitirá ampliar o número de prazas dispoñibles.
Entre as actuacións previstas inclúese a eliminación das cubertas dos patios 1 e 2 para recuperar a iluminación natural da zona central do edificio, a dotación de sistemas de evacuación de augas pluviais e a substitución da carpintería exterior que separa o patio do novo comedor. Tamén se reorganizará a zona de servizos que rodea os patios, eliminando o corredor que comunica o patio 3 coa sala de estar 2, o que permitirá gañar un espazo amplo e luminoso destinado a novas salas de comedor.
A reforma mellorará de xeito significativo a accesibilidade das habitacións e dos espazos de baño, ampliando corredores e portas para facilitar o paso de padiolas e bañeiras xeriátricas. Ademais, incrementarase a superficie dos aseos, incorporaranse armarios empotrados nos dormitorios, substituirase o falso teito do edificio —agás na zona de administración— e renovaranse as portas interiores, adaptándoas ás dimensións mínimas esixidas pola normativa vixente en materia de accesibilidade.
Así mesmo, substituiranse as portas corredoiras existentes nas salas de estar 1 e 2 e nos porches este e norte por portas abatibles de eixo vertical, co fin de garantir o cumprimento da normativa de seguridade e evacuación.
Finalmente, o proxecto inclúe a reforma integral da sala de caldeiras, coa instalación dunha nova caldeira de gas natural de máis de 70 kW, así como a renovación de válvulas, tubaxes, illamentos e da instalación de gas
