Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e o Concello de Camariñas dan o paso definitivo para transformar a antiga lonxa no Museo dos Naufraxios

Valentín González Formoso e Sandra Insua asinaron hoxe o convenio que permitirá investir 430.000 euros para recuperar o emblemático edificio do peirao do Curbeiro, que acollerá o ambicioso proxecto do Museo dos Naufraxios

A Deputación da Coruña e o Concello de Camariñas dan o paso definitivo para transformar a antiga lonxa no Museo dos Naufraxios

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para financiar as obras de reforma da envolvente exterior da antiga lonxa de Camariñas e da sala de exposicións "Beti Donosti", edificio no que se ubicará o futuro Museo dos Naufraxios da localidade. O investimento total ascende a 430.000 euros, dos que a Deputación achega o 76,7 %, cunha contribución de 330.000 euros, mentres que o Concello asume o resto do financiamento con fondos propios.

A actuación permitirá recuperar un edificio emblemático situado no peirao do Curbeiro, actualmente en estado de abandono tras décadas sen uso nin mantemento, e constitúe o primeiro paso para a posta en valor dun espazo público chamado a converterse nun referente cultural vencellado á memoria mariñeira e aos naufraxios da Costa da Morte.

O proxecto, redactado polo arquitecto Jorge Roura Traseira, contempla a reparación e consolidación estrutural do inmoble, así como a reforma integral da súa envolvente exterior, actuando fundamentalmente sobre cubertas, fachadas e carpinterías co obxectivo de frear o deterioro do edificio, mellorar a súa eficiencia enerxética e garantir condicións adecuadas de salubridade e conservación.

Entre as actuacións previstas inclúese a demolición da cuberta actual e a execución dunha nova cuberta con illamento térmico, combinando solucións de cuberta inclinada con acabado en zinc e cuberta plana non transitable con grava. Ademais, rehabilitaranse as fachadas mediante a instalación dun sistema de illamento térmico polo exterior (SATE), que permitirá reducir de forma significativa as perdas enerxéticas, e renovarase a carpintería exterior con portas e ventás de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento.

O proxecto mantén o volume xeral do edificio e a súa integración no entorno portuario, apostando por unha imaxe renovada pero respectuosa coa edificación orixinal e co seu carácter industrial e mariñeiro. Así mesmo, esta primeira fase non condiciona as futuras actuacións de musealización interior, que se desenvolverán nunha etapa posterior, unha vez consolidada a estrutura e protexida a envolvente do inmoble.

O presidente da Deputación destacou tras o acto de sinatura que "este convenio é un exemplo do compromiso da institución provincial coa recuperación do patrimonio público e coa dinamización cultural dos concellos da Costa da Morte". Segundo indicou, "a antiga lonxa de Camariñas é un espazo cargado de historia e moi vencellado á actividade mariñeira, e a súa rehabilitación permitirá transformalo nun equipamento cultural de referencia para a comarca da Costa da Morte".

Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, puxo en valor a importancia do proxecto . "Falamos dun edificio que forma parte da memoria colectiva de Camariñas e que levaba anos deteriorándose. Grazas á colaboración coa Deputación, hoxe damos un paso decisivo para recuperalo e para facer realidade o Museo dos Naufraxios, un proxecto moi ambicioso que pretende poñer en valor a nosa relación co mar e coa historia da Costa da Morte", afirmou.

Insua subliñou tamén que "esta actuación non só permitirá conservar o inmoble, senón que senta as bases para un espazo cultural moderno, accesible e eficiente desde o punto de vista enerxético, preparado para acoller no futuro un museo que atraerá visitantes e reforzará a oferta cultural e turística de Camariñas".

As obras, unha vez finalizadas, premitirán dispoñer dun edificio estruturalmente consolidado, protexido fronte aos axentes meteorolóxicos e listo para afrontar a seguinte fase de acondicionamento interior e musealización do futuro Museo dos Naufraxios, un ambicioso proxecto chamado a converterse nun novo símbolo cultural do municipio e da comarca.