Estás en:Novas

A Deputación destina 90.000 euros á Asociación Amigos da Ópera da Coruña para cofinanciar a tempada lírica 2025

A programación principal da tempada incluíu a representación da ópera 'Carmen', de Georges Bizet

A Deputación destina 90.000 euros á Asociación Amigos da Ópera da Coruña para cofinanciar a tempada lírica 2025

A Deputación da Coruña aprobou a concesión dunha subvención de 90.000 euros á asociación Amigos da Ópera da Coruña para cofinanciar a Tempada Lírica 2025. O convenio de colaboración foi asinado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o vicepresidente de Amigos da Ópera, José María Paz Gago, nun acto ao que asistiu tamén o vogal da entidade José Luis Méndez Romeu.

A programación principal da tempada incluíu a representación da ópera 'Carmen', de Georges Bizet. Trátase dunha das obras máis emblemáticas do repertorio lírico e preséntase nun contexto de vixencia, xa que aborda cuestións como a liberdade individual, a violencia contra as mulleres e a responsabilidade colectiva ante as desigualdades e inxustizas. Convértese, así pois, nunha proposta de reflexión social. Conta a historia dunha muller que decide o seu propio destino e interpela ao público contemporáneo e reforza o papel da arte como ferramenta de conciencia crítica, diálogo e transformación.

A ópera "Carmen" reuniu a máis de 3.200 persoas, enchendo o Pazo da Ópera da Coruña nos dous días que se programou a súa representación, o que implicou o traballo coordinado de preto de 200 profesionais entre cantantes, músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia, técnicos, maquilladores e modistas, entre outros.

A maiores, a Tempada Lírica contou con actividades paralelas, entre as que destaca a conferencia 'Carmen', a cargo de Irene de Juan. Con ela búscase contextualizar a obra e fomentar a participación e o pensamento crítico do público.

Valentín González Formoso reiterou "o compromiso da Deputación coa cultura, contribuíndo a que sexa posible ofrecer unha programación de calidade e, ademais, comprometida coa sociedade". Ademais, destacou o altísimo nivel da programación lírica que cada ano realiza Amigos da Ópera, que goza dun recoñecido prestixio a nivel estatal, avalado por galardóns como o Premio de Honra da Lírica Española, concedido en 2018 por unanimidade de todos os teatros e festivais de ópera do Estado.