Estás en:Novas

O programa MercaNaVila da Deputación mobilizou un millón de euros en vendas no comercio local de Cee

Sitúase como o cuarto concello da provincia con maior número de vendas e os comerciantes mostran a súa satifacción polo impulso que supuxo para as vendas nun período tradicionalmente baixo

O programa MercaNaVila da Deputación mobilizou un millón de euros en vendas no comercio local de Cee

O concello de Cee situouse como o cuarto da provincia da Coruña con maior volume de vendas xeradas ao abeiro do programa MercaNavila, tras mobilizar máis de un millón de euros en vendas, confirmando o impacto da campaña da Deputación da Coruña no comercio local e de proximidade.

A deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, acompañada pola alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, visitou hoxe varios establecementos comerciais do municipio adheridos á campaña e destacou o éxito da iniciativa, que permitiu dinamizar de forma significativa a actividade comercial no municipio. "Con MercaNaVila demostramos que o comercio local responde cando conta co apoio decidido das administracións", afirmou a deputada, que agredeceu a implicación da Federación Galega de Comercio e dos 1.080 establementos comerciais participantes en toda a provincia.

A deputada lembrou que MercaNaVila mobilizou un total de 16 millóns de euros en vendas nos concellos coruñeses de menos de 20.000 habitantes, superando as previsións desta primeira edición do programa. En total, descargáronse 93.453 bonos e realizáronse preto de 300.000 operacións.

Pola súa banda, a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela destacou a importancia deste tipo de programas para apoiar aos negocios do municipio e dinamizar a actividade económica, especialmente fóra das grandes cidades e nas épocas do ano nas que as vendas son menores.

Durante unha das visitas, o propietario da tenda de deportes Dequip, Quique Castiñeira, fixo unha valoración moi positiva da campaña, destacando especialmente a súa planificación: "Facemos unha valoración moi boa. A campaña estivo ben planificada, deu aos clientes mes e medio para organizar as súas compras e poder usar o bono con tempo". Castiñeira subliñou tamén o impacto nun período tradicionalmente complicado para o comercio, como os meses de outubro e novembro, "nos que soe haber vendas moi baixas, pero este ano houbo moito movemento".

Tras o éxito da iniciativa, Rosa Ana García confirmou que a Deputación traballa xa coa Federación Galega de Comercio na preparación dunha nova edición de MercaNaVila para 2026.