Noia e Boiro lideraron as vendas do programa MercaNaVila na provincia, con máis de 3 millóns de euros en vendas
A comarca de Barbanza concentrou o 29% do total das vendas da provincia
Os comercios de Noia e Boiro encabezaron as vendas do programa de dinamización do comercio local MercaNaVila, impulsado pola Deputación da Coruña. Entre ambos municipios superáronse os 3 millóns de euros en vendas, o que supón máis de dous terzos do total rexistrado na comarca do Barbanza.
Así o destacou a deputada de Emprego, Rosa Ana García, durante a súa visita este martes a establecementos comerciais de Boiro e Noia para coñecer de primeira man as impresións do sector e facer balance da campaña.
Segundo os datos do programa, os comercios de Noia foron os que rexistraron o maior volume de vendas tanto na provincia como na comarca, cun total de 1.780.120,57 euros, o que representa o 38,2 % das vendas totais dos concellos de Barbanza e máis do 11 % do total provincial. Ademais, liderou tamén o volume de descontos aplicados, con 377.575 euros, o 37,7 % do total comarcal.
Pola súa banda, os comercios locais de Boiro ocuparon a segunda posición, cun volume de vendas de 1.314.474,22 euros, o 28,2 % do total da comarca e máis do 8 % do total da provincia, acompañado de 273.030 euros en descontos.
No conxunto da comarca do Barbanza, MercaNaVila acadou o 29% do total de vendas na provincia, con 4,66 millóns de euros, cun impacto directo tanto para o comercio de proximidade como para as economías familiares, xa que os descontos asociados ao programa superaron o millón de euros.
Durante a xornada, a deputada de Emprego visitou en Boiro, acompañada polo alcalde José Ramón Romero, o establecemento Cenor Otero, e posteriormente desprazouse a Noia, onde ás 13.00 horas, xunto ao alcalde Francisco Pérez, visitou as tendas Dequip Deportes Hermida e Tucho.
A responsable de Cenor Otero en Boiro, Ramona Otero, destacou que "a campaña foi un éxito rotundo, que coincidiu coa época do Black Friday e antes do Nadal, cun desconto moi apetecible para o consumidor. Esperamos que sexa a primeira de moitas máis porque é unha iniciativa moi importante para que as vendas por internet e as grandes superficies non acaben co comercio de proximidade, que é fundamental para dinamizar os nosos pobos".
Rosa Ana García destacou o éxito do programa en Barbanza afirmando que "MercaNaVila tivo unha gran acollida e un impacto importante no comercio local da comarca do Barbanza, e singularmente en Noia e Boiro, que contaron cunha gran implicación dos comercios e rexistraron o récord de vendas tanto a nivel provincial como comarcal", apuntou.
"Os datos confirman que MercaNaVila é unha ferramenta eficaz para reforzar o comercio local, incentivar o consumo de proximidade e xerar actividade económica nos concellos", afirmou a deputada de Emprego, que anunciou que a Deputación da Coruña e a Federación Galega de Comercio traballan xa no deseño da campaña MercaNaVila 2026, que será aínda máis ambiciosa.
