Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 225.000 euros para apoiar actividades das asociacións veciñais e de mulleres

As axudas permitirán financiar proxectos orientados á dinamización económica e social, como programas formativos, culturais, iniciativas de emprendemento, accións de promoción do comercio local, igualdade de oportunidades, envellecemento activo ou integración social

A Deputación da Coruña destina 225.000 euros para apoiar actividades das asociacións veciñais e de mulleres

A Deputación da Coruña publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases da nova convocatoria de subvencións dirixida ás asociacións veciñais e ás asociacións de mulleres da provincia, co obxectivo de apoiar a realización de actividades de promoción económica ao longo do ano 2026.

Esta liña de axudas enmárcase na estratexia da institución provincial de impulsar o desenvolvemento local, reforzar o tecido asociativo e fomentar a participación cidadá, especialmente nos concellos de menor tamaño, contribuíndo así á cohesión social e territorial da provincia.

A convocatoria conta cun orzamento de 225.000 euros e está destinada a entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña. Poderán beneficiarse destas subvencións as asociacións veciñais de concellos con menos de 50.000 habitantes, así como as asociacións de mulleres, sempre que estean legalmente constituídas e cumpran os requisitos establecidos nas bases reguladoras.

As axudas permitirán financiar proxectos orientados á dinamización económica e social, tales como programas formativos, actividades culturais, iniciativas de emprendemento, accións de promoción do comercio local, proxectos de participación cidadá ou actuacións que favorezan a igualdade de oportunidades, o envellecemento activo e a integración social.

As subvencións concedidas poderán oscilar entre 1.200 e 10.000 euros por proxecto, podendo cubrir entre o 20% e o 80% do custo total das actividades subvencionables, en función das características da iniciativa presentada e da valoración obtida no proceso de concorrencia competitiva.

As actividades obxecto de subvención deberán desenvolverse ao longo do ano 2026, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro, e deberán contribuír de maneira efectiva á mellora da calidade de vida da veciñanza e ao fortalecemento do tecido social e económico local.