Estás en:Novas

A Deputación e o Concello da Coruña asinan un novo convenio para a xestión compartida do Teatro Colón nos anos 2026 e 2027

A Deputación e o Concello da Coruña asinan un novo convenio para a xestión compartida do Teatro Colón nos anos 2026 e 2027

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinaron hoxe o novo convenio de cooperación entre a institución provincial e o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) para a xestión compartida do Teatro Colón durante os anos 2026 e 2027.

O acordo dá continuidade ao modelo de colaboración institucional iniciado en 2018 e consolidado nos últimos anos, unha fórmula que vén demostrando resultados moi positivos tanto pola calidade da programación cultural como pola alta asistencia de público e a excelente valoración cidadá, avalada por enquisas realizadas en colaboración coa Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña.

O Teatro Colón, propiedade da Deputación da Coruña desde 1997, quedará plenamente integrado na rede pública de espazos culturais municipais, mantendo o seu carácter de servizo público e reforzando o acceso da cidadanía á cultura. A xestión ordinaria da programación corresponderá ao IMCE, garantindo a coordinación co resto dos espazos culturais municipais.

En virtude do convenio, a Deputación achegará ata 500.000 euros anuais, dos cales 350.000 euros destinaranse á programación cultural e 150.000 euros ao mantemento das instalacións. Pola súa banda, o IMCE asumirá a programación, contratación dos espectáculos, xestión de públicos, venda de entradas, difusión e funcionamento ordinario do teatro.

O acordo tamén reserva á Deputación ata 40 días anuais de uso do Teatro Colón para o desenvolvemento de actividades culturais propias, actos institucionais e a cesión do espazo a concellos da provincia e entidades sen ánimo de lucro. Entre estas actividades figuran eventos consolidados como o Día Mundial do Teatro, o ciclo Maio Jazz, a Festa Europea da Música ou diversas galas de entregas de premios culturais e deportivos de ámbito provincial.

Para garantir o correcto desenvolvemento do convenio créase unha comisión de seguimento paritaria, encargada de coordinar a programación, supervisar a xestión económica e técnica e avaliar anualmente os resultados da actividade.

Tanto o presidente da Deputación como a alcaldesa da Coruña destacaron que este convenio "reforza a cooperación entre administracións" e consolida o Teatro Colón como un referente cultural de primeiro nivel en Galicia, ao tempo que exemplifica unha xestión eficiente baseada na colaboración institucional e no compromiso co acceso universal á cultura.

O convenio terá vixencia desde o 1 de xaneiro de 2026 ata o 31 de decembro de 2027, coa posibilidade de prórroga por dous anos máis, condicionada á existencia de crédito orzamentario.