A Deputación da Coruña e Camariñas traballan xa na Mostra do Encaixe de 2026 coa vontade de “seguir mellorando unha cita de referencia internacional”
Valentín González Formoso e Sandra Insua destacan que Concello e Deputación traballan xa na nova edición da Mostra "que será aínda mellor"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, asinaron o convenio de colaboración para o financiamento da 34ª edición da Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, celebrada no mes de abril de 2025, un acordo que concreta o compromiso da Deputación co evento e que marca xa o inicio do traballo conxunto de cara á edición de 2026, coa vontade de seguir mellorando unha cita de referencia internacional.
A Deputación apoia a celebración do evento con 120.000 euros, algo máis do 70% do investimento total, que ascende a 170.795 euros. A contía restante está financiada con fondos propios polo Concello de Camariñas.
A Mostra do Encaixe Deputación da Coruña conta co apoio da institución provincial desde hai máis de tres décadas e consolidouse como un dos grandes eventos culturais e turísticos de Galicia, situando Camariñas e a Costa da Morte no mapa mundial da artesanía, da moda e do deseño cada Semana Santa.
Valentín González Formoso salientou que o respaldo da Deputación "é unha aposta firme e continuada por un evento que define a nosa identidade e que combina tradición, cultura, innovación e desenvolvemento económico". O presidente provincial subliñou que o compromiso da institución provincial "é permanente e xa estamos a traballar xunto á alcaldesa e ao Concello de Camariñas na Mostra de 2026 para facela aínda mellor".
A Deputación da Coruña considera a Mostra do Encaixe un exemplo de como o patrimonio cultural pode converterse nun motor de economía local e turismo sostible, xerando oportunidades e mantendo vivo un saber artesanal único. Neste sentido, a colaboración institucional permite reforzar contidos, mellorar a programación e seguir impulsando a proxección internacional do encaixe de Camariñas.
Pola súa banda, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que "a cooperación coa Deputación é clave para garantir a estabilidade e o crecemento da Mostra", e agradeceu "o compromiso continuado da Deputación cun evento que se ten consolidado como unha referencia no seu ámbito nas últimas décadas". Insua incidiu en que o obxectivo é "seguir mostrando ao mundo o traballo das palilleiras, apoiar o talento novo e facer da Mostra un espazo cada vez máis atractivo e ambicioso".
Nova capa de rodaxe entre Ponte do Porto e Camelle
Tamén hoxe asinouse na Deputación o contrato para a execución das obras de mellora da capa de rodaxe do tramo de la estrada DP-1601 en Camariñas (A Ponte do Porto a Camelle), entre os PP.QQ. 0+805 e 4+165, mediante o estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente a todo o ancho da plataforma da estrada. As obras, adxudicadas á empresa Leonardo Miguélez, suporán un investimento de 318.887 euros.
Actualmente, a rodaxe da maior parte do tramo de estrada está formada por un triple tratamento superficial mediante regos con grava. Por iso, previamente ás operacións de pavimentación deberán levarse a cabo as operacións de roza de marxes, limpeza de beiravías e apertura de cunetas.
As obras contemplan a renovación do drenaxe transversal situado á altura de los PP.QQ. 3+568 e 3+793 mediante tubaxes de formigón, coas respectivas embocaduras en aleta e pozo. Para previr a chegada de arrastres cara a calzada da estrada proxéctase a pavimentación das interseccións dos camiños de servizo coa vía provincial mediante pavimento de formigón. Por último, inclúese a reposición das marcas viarias existentes, así como das unidades de defensa e balizamento necesarias.
