Estás en:Novas
ebiblioDaCoruna Club Lector

Chamábase Luís, de Marina Mayoral

Do 12 de xaneiro ao 2 de febreiro, compartimos a lectura de Chamábase Luís, de Marina Mayoral.

Acompáñasnos?

Chamábase Luís, de Marina Mayoral

Nova lectura no club dixital eBiblioDaCoruna‼

Chamábase Luís

Luís, trinta anos, dous fillos de trece e oito anos. Drogadicto dende os vinte, vivía sen traballar a costa da familia e do que sacaba en arrepañar no alleo. Luís é un ser humano que se consome, fráxil coma un vidro. A súa familia é arrastrada na mesma desesperación, sempre entre o amor e a impotencia, a rabia e a resignación. Facer dunha vida «crónica dunha morte anunciada» tampouco depende por forza do suxeito marcado.

Chamábase Luis, de Marina Mayoral, novela editada en 1989 dentro da colección «Crónica» e reeditado en sete ocasións e agora recuperada para «Fóra de Xogo», pode ser o caleidoscopio dos reflexos dunha vida pendente da adicción á heroína con tódolos seus ingredientes, incluíndo mesmo o último castigo, a presencia da SIDA. Nove testemuños a falar, desde a súa propia óptica, sobre Luís ou sobre si mesmos. Todos vítimas dun dos maiores dramas do noso tempo.

Marina Mayoral

Marina Mayoral nacida en Mondoñedo, é catedrática de literatura española na Universidade Complutense de Madrid. Entre os seus traballos de investigación e crítica literaria destacan os estudos sobre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, así como as análises de poesía e prosa contemporánea. Colabora habitualmente en La Voz de Galicia.

Publicou en galego os libros de narrativa: Contra morte e amor (Xerais 1987), novela; Unha árbore, un adeus (1988), novela; O reloxio da torre (1988), novela; Chamábase Luís (Xerais 1989, 1999), novela, Premio Losada Diéguez, 1989; Tristes armas (Xerais 1994), novela; Querida amiga (1995, relatos; Premio Losada Diéguez, 1996); Ao pé do magnolio (2004); Case perfecto (Xerais 2007), novela; Quen matou a Inmaculada de Silva? (Xerais 2009), novela; e O anxo de Eva (Xerais 2013), novela.

En castelán: Cándida, otra vez (1979), Al otro lado (1980), La única libertad (1982, 2002), Contra muerte y amor (1985), Morir en sus brazos (1989), Recóndita Armonía (1994), Se llamaba Luis (1995), Dar la vida y el alma (1996), Recuerda cuerpo (1998), La sombra del ángel (2000), Tristes armas (2001), Querida amiga (2001), Bajo el magnolio (2004), Sólo pienso en ti (2006), Casi perfecto (2007) e Deseos (2011). Algunhas das súas novelas foron traducidas ao alemán, italiano, portugués polaco e chinés.

(Fonte: Páxina Web da editorial Xerais)