Natividade González destaca no Museo do Gravado de Ribeira o valor da cultura para pensar o territorio e a memoria colectiva
A deputada interveu na inauguración da obra 'Relatos do habitado', de Rosa García, trazando un paralelismo entre a temática da obra e as políticas culturais da institución provincial
González lembrou que desde a área de Cultura da Deputación da Coruña se vén traballando cunha aposta polas políticas culturais de proximidade, que sitúan o territorio e a cidadanía no centro da acción pública
A responsábel de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou este sábado no Museo do Gravado de Ribeira na inauguración da exposición 'Relatos do habitado', da artista Rosa García. Durante a súa intervención, a deputada sinalou que este espazo cultural "non só acolle obra artística, senón que xera pensamento, reflexión e diálogo coa realidade contemporánea", e explicou que a exposición presentada "non se limita a mostrarnos imaxes", senón que propón "unha reflexión profunda sobre o espazo" e sobre como este se converte en lugar a través da experiencia humana, da memoria e da vida compartida.
Natividade González enfatizou que esta obra convida a pensar o espazo "non como algo neutro, senón como algo vivido", no que accións como habitar, deshabitar ou cohabitar falan de movemento, tránsito e transformación constante. Segundo apuntou, esta visión conecta directamente coas políticas públicas que entenden a cultura como unha ferramenta para pensar o tempo presente e os territorios.
González lembrou que desde a área de Cultura da Deputación da Coruña se vén traballando cunha aposta polas políticas culturais de proximidade, que sitúan o territorio e a cidadanía no centro da acción pública, concibindo a cultura como un dereito e como unha ferramenta estratéxica para a cohesión social, o equilibrio territorial e a igualdade de oportunidades no acceso aos bens culturais.
Na súa intervención tamén fixo referencia á memoria colectiva como un eixo fundamental, ao considerar que se trata dunha memoria activa que constrúe comunidade, xera empoderamento e contribúe a crear autoestima colectiva nos lugares. Neste sentido, indicou que recoñecer o valor cultural dos espazos habitados permite fortalecer vínculos, activar participación e consolidar proxectos culturais con continuidade no tempo.
González pechou a súa intervención subliñando a importancia do Museo do Gravado de Ribeira como un espazo vivo de creación, reflexión e encontro coa arte contemporánea, así como o compromiso da Deputación da Coruña para facer posíbel proxectos culturais que se consoliden e cheguen á cidadanía, apostando pola cultura como ben común, como espazo de pensamento crítico e como ferramenta de cohesión social.
