O grupo De Vacas celebrará na Coruña o seu décimo aniversario co espectáculo ‘Vacanal Sinfónica’, que chega ao Teatro Colón da man da Deputación da Coruña
Un espectáculo de gran formato con preto de setenta persoas riba do escenario
A deputada de Cultura, Natividade González, amosou a súa «satisfacción» por poder traer á cidade un evento coma este
O grupo De Vacas traerá á Coruña un concerto moi especial polo seu décimo aniversario, o espectáculo 'Vacanal Sinfónica', que forma parte do calendario cultural da institución. Será o vindeiro 7 de febreiro, ás 20 horas, no Teatro Colón. Os billetes sairán á venda nos próximos días con prezos que van dos catro aos dez euros. Na rolda de prensa de presentación, esta mañá, a deputada de Cultura, Natividade González, amosou a súa «gran ledicia» por comezar o ano anunciando este evento e de poder facelo «nun marco como o Teatro Colón».
Acompañada polas integrantes do grupo —Faia Díaz, Paula Romero, Inés Salvado e Guille Fernández—, a responsábel de Cultura afirmou que é «un privilexio» poder compartir, como institución, «un momento coma este, o décimo aniversario cun grupo xa consolidado cunha base fiel».
Canto ao espectáculo en si, afirmou que «non vai defraudar as fans» e confirmou que o escenario se vestirá «de gala e de grandes músicos e músicas».
En termos similares se pronunciou Guille Fernández, quen ademais falou da concepción creativa do espectáculo. «Na nosa traxectoria caracterízamonos por 'desvestirmos' as cancións. Agora o que fixemos é o contrario, vestilas con arranxos —de Lucas Rei— para un formato especial en que contaremos cun coro de sesenta persoas —o Coro da Ra—, un cuarteto de cordas e outro de vento».
Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado abundaron na «parte emocional» dun espectáculo que, alén de conmemorar os dez anos da formación, é tamén un reencontro «con xente moi querida», como O Coro da Ra, «unha gran familia e que foi tamén onde nos coñecemos», apuntaron.
