A Deputación da Coruña participa no acto de colocación da primeira pedra da nova fábrica de carbón vexetal de Xeal en Dumbría
Dumbría acolleu esta mañá o acto oficial de colocación da primeira pedra da nova planta de produción de carbón vexetal da compañía Xeal, unha aposta industrial estratéxica que supón un investimento de máis de 28 millóns de euros e que contribuirá de xeito significativo á descarbonización do proceso produtivo e á modernización da industria no territorio.
No acto participaron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, o secretario de Estado de Industria, Jordi García Brustenga, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, o embaixador da República Checa en España, Libor Sečka, así como a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, entre outras autoridades. Tamén asistiron a CEO de Xeal, María Couto, xunto con numerosos alcaldes, alcaldesas e concelleiras e concelleiros dos municipios da comarca, persoal directivo da compañía e do grupo Energo-Pro, accionista da empresa.
O nova planta, declarada Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), permitirá substituír parte do carbón fósil por carbón vexetal no proceso produtivo da factoría, contribuíndo á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e avanzando cara a modelos industriais máis eficientes e sostibles. A nova instalación está previsto que entre en funcionamento ao longo de 2026, reforzando a competitividade da planta galega no contexto europeo.
Rosa Ana García destacou "a importancia de proxectos industriais como este para a dinamización económica da comarca da Costa da Morte, a creación de emprego de calidade e o impulso a modelos produtivos máis sostibles e respectuosos co medio ambiente". Subliñou ademais o compromiso da Deputación da Coruña co apoio ao tecido industrial e co desenvolvemento de políticas públicas que favorezan a implantación de iniciativas empresariais xeradoras de riqueza e oportunidades no territorio.
