Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 153.330 euros as obras do aparcamento disuasorio da Capela, que contará con servizo de lanzadeira de bus eléctrico ás Fragas do Eume

As obras teñen un prazo de execución de catro meses

A Deputación adxudica por 153.330 euros as obras do aparcamento disuasorio da Capela, que contará con servizo de lanzadeira de bus eléctrico ás Fragas do Eume

FOTO (ARQUIVO): Presentación do vehículo-lanzadeira eléctrica ás Fragas do Eume

A Deputación da Coruña acaba de adxudicar por 153.330,04 euros as obras de construción dun aparcamento disuasorio no núcleo das Neves (A Capela), que permita o estacionamento dos vehículos que se dirixen ás Fragas do Eume nas épocas do ano que contan con maior volume de tráfico.

A actuación está enmarcada no Plan de sostibilidade turística en destino (PSTD) Fragas do Eume e financiado integramente con fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU.

O proxecto contempla a urbanización dunha parcela de 2.380 metros cadrados no lugar das Neves, que linda co centro de saúde do municipio e ofrece un acceso directo ao Parque Natural das Fragas do Eume, para ser utilizada como aparcamento disuasorio para turismos, motocicletas e bicicletas

O aparcamento contará con dúas plataformas, unha inferior con 10 prazas de estacionamento para autocaravanas e espazos para dar servizo ás súas persoas usuarias (tomas de auga e sumidoiros conectados á rede de evacuación municipal, contedores de recollida selectiva de lixo) e unha superior con 20 prazas de estacionamento para turismos, dúas delas con puntos de recarga para vehículos eléctricos e unha para aparcamento accesible, sete prazas para aparcamento de motocicletas e seis para bicicletas.

Empregaranse materiais de construción sostibles e zonas de terreo vexetal que ocupen entorno ao 25-20% da superficie con celosías de formigón prefabricado para a correcta infiltración das augas, buscando unha adecuada integración na paisaxe con vexetación e áreas verdes.

O espazo contará tamén con conexión a rede de abastecemento de auga e electricidade para a iluminación pública, que disporá tamén de sistema de carga solar e a recarga de vehículos eléctricos.

Lanzadeira eléctrica ás Fragas do Eume

O proxecto completarase coa posta en marcha dun servizo de lanzadeira-furgoneta eléctrica para o traslado das e dos visitantes desde este punto (As Neves) ata o camiño da Ventureira, na entrada do Parque Natural das Fragas do Eume.

O vehículo eléctrico xa foi adquirido pola Deputación cun investimento de 60.000 euros e entregado ao Concello da Capela o pasado mes de outubro.

O prazo de execución das obras do novo aparcadoiro é de catro meses, polo que se prevé que o novo servizo de estacionamento e lanzadeira eléctrica ás Fragas do Eume poida estar plenamente dispoñible para as persoas usuarias no verán de 2026.