A Deputación da Coruña presentou á veciñanza de Xuvia o proxecto da Senda do Trece na estrada DP-5404
O presidente da Deputación e a alcaldesa presentaron ao veciños o proxecto, que suporá un investimento de máis de medio millón de euros e prevese que poda ser aprobado no pleno do mes de febreiro
Formoso destaca que as obras responden a unha demanda veciñal e suporán unha notable mellora da seguridade nunha zona con moito tráfico
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, mantiveron hoxe un encontro coa asociación de veciños de Xuvia para presentarlles o proxecto da coñecida como Senda do Trece, unha actuación que acometerá a institución provincial na estrada DP-5404, Xuvia – Praia da Frouxeira, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil neste tramo. Na reunión desta mañá participaron tamén a deputada responsable da área de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e enxeñeiros do departamento provincial de estradas, que explicaron os pormenores técnicos do proxecto, xa redactado, e que se prevé que poda ser aprobado no pleno ordinario do vindeiro mes de febreiro.
O proxecto contempla a execución dunha senda peonil pola marxe esquerda da estrada, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 1+500 e 2+950, cunha lonxitude aproximada de 1,45 quilómetros e un ancho de 1,80 metros. A senda contará con pavimento de formigón, sistema de recollida de augas pluviais, sinalización horizontal e vertical e a adaptación dos servizos afectados.
Debido á proximidade dalgunhas vivendas á calzada, a actuación inclúe tamén a modificación puntual do trazado da estrada entre os PK 2+375 e 2+530, co fin de garantir maiores condicións de seguridade tanto para os peóns como para o tráfico rodado. O proxecto require ademais a expropiación dalgúns terreos necesarios para a súa execución, aínda que "se busca afectar o menos posible ás propiedades", segundo explicaron os técnicos provinciais.
Formoso destacou que o orzamento total da actuación ascende a 534.170,89 euros e o prazo de execución estimado será de seis meses, unha vez iniciadas as obras. "Intentaremos que os veciños da zona cedan os terreos para poder evitar os trámites do proceso de expropiación e axilizar a execución das obras", explicou.
Durante a reunión coa veciñanza, o presidente da Deputación destacou que "esta senda é unha demanda histórica da veciñanza de Xuvia" e responde á prioridade da Deputación de facer estradas provinciais máis seguras, máis humanas e pensadas tamén para os peóns. "Trátase dunha primeira fase dunha actuación que será máis completa e que mellorará de forma notable a seguridade viaria na zona", afirmou Formoso, que lembrou que na última década, a Deputación leva construído máis de 70 novos quilómetros de sendas peonís nas estradas provinciais.
Tamén explicou a importancia do diálogo coa cidadanía e da colaboración institucional co Concello de Narón: "para a Deputación é fundamental explicar os proxectos sobre o terreo, escoitar á veciñanza e incorporar as súas propostas na medida do posible".
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, valorou positivamente a actuación e agradeceu o compromiso da Deputación da Coruña para executar as obras "nunha estrada que necesita esta actuación, máis que nada polo tráfico que ten porque nalgúns casos os veciños non teñen nin sequera como achegarse ás vivendas limítrofes. É unha actuación moi necesaria e moi útil", afirmou.
A Senda do Trece permitirá dotar este tramo da DP-5404 dun itinerario peonil continuo e seguro, reforzando a conexión entre os núcleos de poboación e contribuíndo a unha mobilidade máis segura e sostible no municipio de Narón.
