Estás en:Novas

A Deputación destaca o papel de AMICOS no activismo ambiental mariño e na inclusión social

Rosa Ana García pon en valor o apoio provincial a proxectos que combinan emprego, autonomía persoal e coidado do medio mariño

A Deputación destaca o papel de AMICOS no activismo ambiental mariño e na inclusión social

A Deputación da Coruña participou hoxe no acto de clausura dos proxectos de activismo ambiental mariño Labmar e Cabalga, impulsados pola Asociación AMICOS, desenvolvido no Auditorio Municipal de Ribeira.

O evento contou coa presenza da deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, que recibiu un recoñecemento á Deputación polo apoio á entidade e destacou o compromiso da institución provincial co traballo que desenvolve AMICOS no eido da inclusión social e da protección do medio mariño.

"A presenza da Deputación neste acto responde ao apoio continuado ao labor de AMICOS e a programas que fomentan a inclusión, a autonomía persoal e a cohesión social, creando as condicións necesarias para que entidades como esta poidan medrar, innovar e ampliar o seu impacto tamén no ámbito ambiental", sinalou a deputada.

Durante o acto púxose en valor o traballo desenvolvido ao longo destes anos nos proxectos Labmar e Cabalga, así como o papel das persoas participantes, das entidades colaboradoras e das alianzas xeradas arredor da defensa e coidado do medio mariño. A Deputación quixo acompañar este peche como mostra de recoñecemento a un modelo que integra inclusión social, creación de emprego e compromiso ambiental.

Rosa Ana García destacou que "cando se fortalecen as entidades sociais, fortalécense tamén as iniciativas que fan posible un futuro máis sostible e inclusivo".

Nos últimos anos, a Deputación da Coruña vén apoiando a AMICOS a través de distintas liñas de subvención, como os programas orientados á activación sociolaboral e ao acompañamento ao emprego de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión, e os programas destinados a investimentos sociais como o proxecto de vivendas comunitarias Horizonte Autónomo, centrado na promoción da vida independente. "Uns apoios que permiten consolidar servizos esenciais, xerar oportunidades e reforzar o tecido social da comarca", concluíu a deputada.