Estás en:Novas

A Deputación achega máis de 300.000 euros para a renovación do muro de San Roque de Ortigueira

O orzamento total da obra é de 387.000 euros, dos cales a Deputación proporciona o 80%

O acordo foi asinado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o rexedor ortigueirés, Valentín Calvín

A Deputación achega máis de 300.000 euros para a renovación do muro de San Roque de Ortigueira

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, asinaron o convenio para financiar as obras de estabilización do muro de contención e mellora da accesibilidade do Campo de San Roque

O acordo establece as bases de colaboración entre ambas as administracións para executar as obras que permitirán garantir a seguridade estrutural deste espazo público.

A intervención suporá un investimento de 387.373,88 euros e será financiada maioritariamente pola Deputación da Coruña, que achega 309.899,10 euros, o que supón o 80% do investimento total. O Concello de Ortigueira asumirá o financiamento restante con cargo a recursos propios.

O proxecto responde á necesidade de corrixir unha patoloxía grave detectada no muro de contención que sustenta a praza de San Roque, na rúa Manuel Sandomingo. Parte do muro presentaba abombamentos e fendas significativas, especialmente no tramo inferior de maior altura, o que obrigou a apuntalalo para evitar un posible derrubamento. A orixe do problema está relacionada coa filtración de augas pluviais no recheo do extradorso, xerando empuxes hidrostáticos e unha perda progresiva da capacidade resistente do conxunto.

As obras permitirán a retirada do muro existente e do seu recheo, a escavación ata o substrato adecuado segundo o estudo xeotécnico e a construción dun novo muro de formigón armado, que será revestido con mampostería de pedra granítica para manter a integración estética coa contorna. A actuación inclúe tamén a execución dunha escaleira no beiril e novas solucións de accesibilidade, como ramplas accesibles, que facilitarán a conexión entre a rúa Manuel Sandomingo e a praza de San Roque.

Ademais da estabilización estrutural, o proxecto contempla a reposición completa das superficies afectadas da praza, cun novo pavimento de granito silvestre, a renovación da rede de recollida e evacuación de augas pluviais e a mellora da iluminación. Tamén se habilitará unha rampla de acceso para vehículos de mantemento, garantindo a funcionalidade futura do espazo.

Unha vez que finalicen as obras, o Concello de Ortigueira comprométese a destinar esta infraestrutura ao uso público durante, polo menos, un período de dez anos.

Formoso destacou "o convenio asinado co Concello de Ortigueira como exemplo da colaboración institucional e de mellora dos espazos públicos". Sinalou que esta actuación permite "dar resposta a un problema estrutural que afectaba á seguridade dun lugar emblemático da vila e que, ao mesmo tempo, supón unha oportunidade para mellorar a accesibilidade e a calidade urbana de todo o entorno da praza de San Roque".

Pola súa banda, Calvín agradeceu "a colaboración da Deputación nunha obra importante para a nosa fachada marítima" e engadiu que "agardamos continuar cunha comunicación e cooperación constante coa Deputación para seguir mellorando as condicións de vida e as infraestruturas da nosa vila".