Estás en:Novas

O estudo micolóxico promovido pola Deputación no Pazo de Mariñán arranca co descubrimento de dúas especies inéditas en Galicia

A Sección de Medio Ambiente da Deputación impulsou un estudo micolóxico no Pazo de Mariñán co obxectivo de catalogar a súa biodiversidade e artellar medidas para protexela

Na primeira visita realizada pola Federación Galega de Micoloxía dentro deste estudo, localizáronse dúas especies nunca antes catalogadas en Galicia

O estudo micolóxico promovido pola Deputación no Pazo de Mariñán arranca co descubrimento de dúas especies inéditas en Galicia

O Pazo de Mariñán, propiedade da Deputación da Coruña, confirma o seu potencial como un dos espazos de maior biodiversidade de Galicia. A primeira saída de campo do estudo micolóxico realizado o pasado sábado pola Federación Galega de Micoloxía saldouse cun grande descubrimento científico: a localización de tres especies de cogomelos de especial rareza, dúas delas inéditas ata o momento no catálogo galego: a Microglossum truncatum e a Glutinoglossum triseptatum.

Este achado temperán non só valida o interese científico do estudo, senón que reforza a necesidade das medidas de conservación que a institución provincial está a poñer en marcha para protexer o medio natural neste histórico espazo.

Estudo micolóxico no Pazo de Mariñán

O estudo micolóxico no Pazo, impulsado pola área de Medio Ambiente da Deputación, estenderase de xaneiro a decembro de 2026 e xorde como resposta ás conclusións da I Xornada Micolóxica desenvolta o pasado 11 de outubro. Naquel encontro constatouse unha riqueza fúnxica excepcional e moi pouco estudada, pero tamén unha grave carencia: a falta de protección.

Por este motivo, o estudo promovido pola entidade provincial e desenvolvido pola Federación Galega de Micoloxía conta cun dobre obxectivo: científico e conservacionista. A identificación detallada das especies servirá de base para elaborar, ao remate do estudo, mapas de hábitats e materiais divulgativos (folletos e carteis) que sinalen as especies de valor e a prohibición expresa de recolección de cogomelos, así como da alteración do medio.

Primeiros resultados: especies inéditas en Galicia

Nesta primeira inspección de xaneiro, os micólogos da Federación realizaron achados de grande relevancia científica.

Por unha banda, os fungos Microglossum truncatum e Glutinoglossum triseptatum: dúas especies inéditas en Galicia. O seu descubrimento en Mariñán supón un fito científico que pon de manifesto a singularidade do ecosistema do pazo.

Por outra banda, a especie Galerina atkinsoniana: unha especie moi pouco frecuente, da que só existía unha mención antiga en listaxes previas sen confirmar. A súa localización actual achega información valiosa sobre a persistencia da biodiversidade neste emblemático lugar.

Situar o Pazo de Mariñán como referente

O estudo micolóxico no Pazo de Mariñán é desenvolvido pola Federación Galega de Micoloxía, entidade que agrupa a 17 asociacións e aos micólogos máis destacados da comunidade. O estudo contempla un total de 18 visitas co fin de realizar un seguimento exhaustivo dos fungos en todas as estacións.

O obxectivo da Deputación da Coruña é poñer ao Pazo de Mariñán no mapa como centro de importancia micolóxica a nivel galego, do mesmo xeito que na actualidade xa é un referente pola singularidade do seu arboredo e a súa colección de camelias.

O informe final deste traballo será a pedra angular para garantir que esta riqueza natural sexa respectada, admirada e correctamente conservada.