Estás en:Novas

Formoso anuncia que a Deputación colaborará con 300.000 euros na construción do novo centro integral de rehabilitación de dano cerebral de Adaceco en Eirís

O presidente da Deputación visitou hoxe, acompañado da alcaldesa da Coruña e outras autoridades, as obras do novo centro, que xa están moi avanzadas e permitirán ofrecer atención especializada a 40 persoas

Formoso anuncia que a Deputación colaborará con 300.000 euros na construción do novo centro integral de rehabilitación de dano cerebral de Adaceco en Eirís

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou hoxe que a institución provincial colaborará con 300.000 euros na construción do novo centro integral de rehabilitación de dano cerebral de Adaceco, situado no barrio coruñés de Eirís. A achega económica atópase actualmente en trámite e articularase a través dunha subvención nominativa que permitirá avanzar na finalización dun proxecto estratéxico para a atención ás persoas con dano cerebral adquirido na comarca.

Formoso realizou o anuncio esta mañá durante unha visita ás obras, na que estivo acompañado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, o deputado de Economía e alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo e pola directiva de Adaceco, encabezada polo presidente da entidade, Juan Luís Delgado e a directora, Natalia de Llano. Na visita ás obras do novo centro participaron tamén a a deputada Yoya Neira, a concelleira de Benestar Social da Coruña, Nereida Canosa, o subdelegado do Goberno, Julio Abalde, e o director xeral de de Familia, Infancia e Dinamización Xeográfica, Jacobo Rey. Durante o percorrido comprobaron o bo ritmo dos traballos, que se atopan xa nunha fase de execución moi avanzada.

O novo centro está a construírse nunha parcela de case 2.000 metros cadrados, situada entre as rúas Solís e Eirís de Arriba, e contará con planta baixa e dúas alturas. As novas instalacións permitirán ofrecer atención especializada a arredor de 40 persoas, cun modelo de intervención integral baseado na rehabilitación física, cognitiva, funcional e psicosocial, así como apoio ás familia.

Segundo explicaron os responsables da entidade durante a visita ás obras, o centro de Eirís contará con plans de atención personalizados, estancias de mañá e tarde, servizo de comedor, transporte adaptado e actividades terapéuticas, con tecnoloxía punteira en neurorehabilitación

O investimento total das obras do centro supera os 2 millóns de euros e, ademais da achega de 300.000 euros da Deputación, que representa arredor do 15% do investimento total das obras, conta con financiamento privado, a través dunha doazón dos traballadores de Inditex (927.841 euros) e da Xunta de Galicia (185.000 €), ademais de fondos propios de Adaceco.

Tras a visita, Valentín González Formoso destacou que estamos "ante un soño cumprido para Adaceco e unha necesidade cuberta para as persoas con dano cerebral e as súas familias, non só da cidade da Coruña, senón de toda a área sanitaria".

"Ver practicamente executado o proxecto que nos viñeron a presentar hai uns meses é un orgullo e demostra que o sistema de benestar funciona, que a sensibilidade das administracións esta aí. Os 300.000 euros que achega a Deputación a este proxecto concretan un piar básico da nosa xestión, como é o da protección social", remarcou o presidente provincial, que destacou a "enorme labor social e sociosanitaria que desenvolve Adaceco desde hai máis de dúas décadas", subliñando o seu papel fundamental na mellora da calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e das súas familias.

Formoso puxo en valor o traballo das entidades sociais sen ánimo de lucro como Adaceco e reafirmou o compromiso da Deputación coa súa actividade, especialmente en ámbitos como o do dano cerebral adquirido, nos que a atención especializada resulta imprescindible.

"Esperamos que este centro sexa unha referencia en atención ao dano cerebral na provincia", afirmou o presidente de Adaceco, Juan Luís Delgado, que agradeceu a colaboración das administracións neste proxecto, unhas obras que esperan ter rematadas a final de marzo.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, lembrou que o Concello da Coruña contribuíu ao proxecto coa cesión da parcela que agora ocupa o novo edificio e incidiu no recoñecemento ao traballo diario da asociación para conseguir ter un centro que atenda ás súas necesidades. "Máis de 1.000 persoas son diagnosticadas con dano cerebral adquirido cada ano en Galicia e polo tanto precisan de atención, asistencia e terapias" como as que ofrece a entidade.

Colaboración continua da Deputación con Adaceco

A Deputación da Coruña mantén unha longa traxectoria de colaboración con Adaceco, apoiando tanto o funcionamento dos seus servizos como a mellora de infraestruturas, a adquisición de equipamento e o transporte adaptado.

Ademais do apoio á construción do novo centro integral de rehabilitación en Eirís, a Deputación da Coruña mantén unha liña estable de colaboración con Adaceco a través das súas convocatorias de subvencións destinadas a entidades sociais, co obxectivo de garantir a continuidade e a calidade dos servizos que presta a asociación. No exercicio 2025, a institución provincial concedeu á entidade unha achega de 2.260 euros para a implantación dun sistema de videoconferencia, unha ferramenta que permitirá mellorar a comunicación interna e a coordinación do cadro de persoal de 33 persoas que conforma o equipo multidisciplinar que atende ás persoas usuarias do centro de día, facilitando o seguimento dos plans de atención individualizados e o traballo en rede entre os distintos profesionais.

A Deputación destinou outros 26.750 euros ao financiamento do funcionamento dos centros de día que Adaceco ten en Culleredo e A Coruña e das actividades que neles se desenvolven, contribuíndo a sufragar servizos esenciais como o traballo social, a neuropsicoloxía, a fisioterapia, a terapia ocupacional, a logopedia, a atención persoal e apoio nas actividades da vida diaria, os talleres ocupacionais e de ocio terapéutico, así como o transporte adaptado. Este conxunto de achegas reforza o compromiso da Deputación coa atención especializada ás persoas con dano cerebral adquirido e co apoio ás súas familias, recoñecendo o papel clave que desempeñan entidades como Adaceco no ámbito sociosanitario da provincia.