Estás en:Novas

Xosé Regueira convida a visitar a provincia da Coruña aproveitando o potencial do turismo vencellado á astronomía

A eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto foi a protagonista da proposta presentada pola Deputación da Coruña en FITUR

O vicepresidente puxo en valor a coincidencia de varios fitos astronómicos e a condición como Destinos Starlight de dous dos xeodestinos coruñeses

Xosé Regueira convida a visitar a provincia da Coruña aproveitando o potencial do turismo vencellado á astronomía

Fotografía de familia de relatores e autoridades tras a presentacion da Deputación

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsábel de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, presentou este xoves o gran proxecto turístico co que a institución acode esta semana á feira internacional FITUR, en Madrid. Trátase dunha proposta singular que toma como eixo central a eclipse solar total do vindeiro 12 de agosto, pero acompañada dunha visión científica e dunha mensaxe que procura tanto atraer visitas como concienciar.

Xosé Regueira puxo en valor a capacidade de atraer visitas do turismo ligado á astronomía, o astroturismo. Fíxoo acompañado de voces autorizadas na materia, como a profesora da USC Begoña Nicolás, docente das áreas de Astronomía e Astrofísica; Yolanda Díaz, presidenta da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte; e José Romero, guía especializado en astroturismo da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas.

O vicepresidente subliñou que a provincia da Coruña será un dos territorios de toda Europa onde mellor se poderá observar un fenómeno que non se vai repetir na nosa xeografía até dentro dun século, que cadrará tamén a poucos minutos da posta de sol, co que haberá practicamente dous 'solpores' consecutivos na mesma xornada.

Alén disto, lembrou que a cita cadrará co máximo da chuvia de estrelas das bágoas de San Lourenzo, previsto para a noite do 12 ao 13 de agosto. «Esa noite non vai durmir ninguén», bromeou o responsábel provincial de Turismo.

Tanto Regueira como os demais relatores tamén incidiron na importancia de contar con espazos libres de contaminación luminosa para poder admirar este tipo de acontecementos na súa plenitude. Precisamente, a provincia ten dous xeodestinos coa consideración de Destinos Turísticos pola Fundación Starlight, como son A Costa da Morte e As Mariñas coruñesas.

O modelo diferencial da Deputación da Coruña

A eclipse foi a gran protagonista da campaña promocional da Deputación, que, con todo, acudiu a esta FITUR para defender tamén un modelo turístico diferente, onde a calidade prime sobre a cantidade e onde tamén se respecten tanto a identidade como a autenticidade dos territorios.