A Deputación da Coruña despide unha nova edición de FITUR apostar pola proxección internacional da provincia e defender un modelo turístico que respecte a identidade
O vicepresidente, Xosé Regueira, participou ao longo das tres xornadas profesionais en presentacións de proxectos propios, campañas dos xeodestinos e iniciativas de cooperación turística
A Deputación da Coruña despídese da Feira Internacional de Turismo (FITUR) tras defender nesta cita un modelo turístico diverso, sustentábel e competitivo, que ao mesmo tempo preserve a identidade e autenticidade dos territorios. Nesta edición, a eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto foi o principal reclamo súa proposta, mais tamén o apoio firme aos xeodestinos, ás mancomunidades e a proxectos estratéxicos do territorio.
O vicepresidente da Deputación e responsábel de Turismo, Xosé Regueira, desenvolveu ao longo das tres xornadas profesionais da feira unha intensa axenda institucional coa presentación da súa propia campaña, mais tamén xuntanzas sectoriais ou participación en actos promovidos por entidades e administracións coas que colabora.
Na primeira xornada de FITUR, Regueira interveu na presentación das tres probas da World Surf League que se celebrarán este ano na provincia, eventos que sitúan A Coruña na elite do surf mundial. O vicepresidente participou tamén nos actos vinculados ao xeodestino Ferrolterra, no que a Deputación xestiona tres Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD): Fragas do Eume, Xeoparque Cabo Ortegal e Patrimonio de Ferrol e Baterías de Costa. Nese contexto, lembrou o apoio da institución ao recoñecemento de Ferrol como Patrimonio Mundial da Unesco e expresou o seu desexo de que a cidade logre este distintivo, que na provincia xa posúen a Torre de Hércules, a Cidade Vella de Santiago de Compostela e o Camiño de Santiago.
Esa mesma xornada, o vicepresidente participou tamén na presentación de 'Fisterra-Muxía: o Camiño que remata no mar', que definiu como unha ruta xacobea marítima que cómpre preservar e poñer en valor en tempos de turistificación; e acompañou o Concello de Santiago na presentación da campaña 'Compostela é moito MICE'.
A segunda xornada estivo centrada na proposta da Deputación, coa presentación da campaña 'Un atardecer, dous solpores: a eclipse na provincia da Coruña'. «Será un instante irrepetíbel que servirá, tamén, para descubrir a riqueza do noso territorio», afirmou Regueira, ao tempo que reivindicou a potencialidade do astroturismo para un territorio que conta don dous Destinos Starlight.
Ao longo do día mantivo tamén un encontro con Alejandro Rubín Carballo, presidente da Asociación Internacional para a Cooperación e o Desenvolvemento Turísticos, e participou no acto dos Recoñecementos á Cooperación Turística Internacional 25, celebrado no pavillón de Perú, onde entregou o premio ao proxecto 'Caminos Andinos'.
Na mesma xornada, o vicepresidente asistiu á presentación da campaña 'Viaxe a través da historia dos sabores', da Mancomunidade Barbanza Arousa, e interveu na presentación da Guía da paisaxe do Xeoparque Cabo Ortegal, onde anunciou que a Deputación reforzará en 2026 o apoio a novas iniciativas para seguir impulsando o desenvolvemento sustentábel, o turismo de calidade e o orgullo territorial.
Regueira participou tamén no acto de promoción de 'Onde a terra fala e o ceo responde', a nova campaña turística da CMAT, entidade que lle fixo entrega dunha peza de olaría de Buño como recoñecemento ao seu apoio e implicación coa Costa da Morte. A xornada pechouse coa presentación de 'DesOrdes Xeodestino Mural' e doutros proxectos da Mancomunidade de Ordes.
No terceiro e derradeiro día da parte de FITUR destinada a profesionais —durante a fin de semana abrirá para o público xeral—, Xosé Regueira participou na estrea da nova campaña da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, centrada nos produtos da terra e nas persoas que os fan posíbeis. Trátase dun relato que conecta directamente coa filosofía de 'A paisaxe que sabe' —a gran campaña provincial—, ao poñer no centro os produtores, hostaleiros, cociñeiros, guías e profesionais que constrúen identidade e valor desde o territorio.
