Estás en:Novas

Sol Agra completa no CEIP María Pita a rolda de visitas aos centros gañadores do Premio Concepción Arenal

A deputada de Igualdade achegouse nas últimas semanas aos tres centros galardoados na última edición do certame provincial

«Este tipo de iniciativas contribúen a construír centros educativos máis xustos, inclusivos e igualitarios», destacou Sol Agra

Sol Agra completa no CEIP María Pita a rolda de visitas aos centros gañadores do Premio Concepción Arenal

A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, visitou recentemente o CEIP María Pita para coñecer de primeira man o desenvolvemento de 'Un mar de arco iris', un dos gañadores do XII Premio Concepción Arenal para proxectos educativos pola igualdade de xénero na categoría de educación infantil.

A visita formou parte da rolda de encontros que a responsábel provincial realizou aos colexios e institutos recoñecidos na última edición deste certame. Nas últimas semanas, Agra visitou tamén o CEIP de Outes, premiado polo proxecto 'Tecendo Saberes', e o IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago, distinguido pola iniciativa 'Patio para ti e para tods*', completando así o percorrido polos tres centros galardoados.

Na visita ao CEIP María Pita, a deputada puxo en valor o traballo desenvolvido polo centro coruñés na promoción da igualdade e do respecto á diversidade desde idades temperás, destacando a importancia de incorporar estes valores de maneira transversal no ámbito educativo. Neste sentido, sinalou que iniciativas como esta contribúen a construír contornas educativas máis xustas, inclusivas e igualitarias, nas que o respecto, o diálogo e a diversidade formen parte da experiencia diaria do alumnado.

O proxecto 'Un mar de arco iris', actualmente en fase de execución na etapa de educación infantil, promove a igualdade de xénero e a diversidade a través de actividades creativas e emocionais que implican alumnado, profesorado e familias. A proposta estrutúrase en itinerarios por cores que abordan cuestións como a identidade de xénero, a corresponsabilidade, a prevención das violencias, a visibilización das mulleres e das masculinidades diversas, así como a afectividade e a educación sexual desde unha perspectiva inclusiva e transversal.

Este traballo foi un dos tres seleccionados no XII Premio Concepción Arenal, convocado pola Deputación da Coruña para recoñecer iniciativas educativas que fomenten a igualdade de xénero nos centros da provincia. Cada un dos proxectos premiados recibiu unha achega económica de 5.000 euros para apoiar o seu desenvolvemento.