Estás en:Novas

A Deputación pon en valor o empredemento xuvenil como “motor de futuro para a provincia”

A deputada de Emprego, Rosa Ana García, participou na clausura do MiniMarket de AJE Ferrolterra en Narón

A Deputación pon en valor o empredemento xuvenil como “motor de futuro para a provincia”

A deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, participou hoxe na clausura do MiniMarket organizado por AJE Ferrolterra no Pazo da Cultura de Narón, un evento que conta co apoio da Deputación e que reuniu a alumnado de distintos centros educativos da comarca para presentar os seus proxectos emprendedores.

Durante a súa intervención, Rosa Ana García puxo en valor o talento, a creatividade e o esforzo da mocidade participante, destacando que "o emprendemento da xuventude é un auténtico motor de futuro para a provincia". A deputada felicitou á Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrolterra pola organización dunha iniciativa que, segundo sinalou, "contribúe de maneira decisiva a fomentar o espírito emprendedor entre a nosa mocidade".

A responsable provincial subliñou que cada un dos proxectos presentados constitúe unha mostra do potencial da nova xeración, con propostas centradas na innovación, a sustentabilidade e a responsabilidade social. "Emprender non é só ter unha boa idea; é tamén ter valentía para defendela, mellorala, aceptar críticas e seguir aprendendo", afirmou.

Rosa Ana García lembrou que para a Deputación da Coruña o apoio ao emprendemento é unha prioridade estratéxica, xa que supón crear oportunidades, fixar poboación, dinamizar o territorio e avanzar cara a un modelo económico máis forte, sostible e xusto. Neste sentido, reiterou o compromiso da institución provincial coa promoción de políticas que impulsen o talento novo e acompañen os proxectos empresariais desde as súas primeiras fases, a través de programas como PEL-Emprende ou da Rede de Provincial de Coworkings, que conta xa con 12 centros en toda a provincia.

A deputada tamén quixo recoñecer o papel fundamental do profesorado e dos centros educativos, "que acompañan, orientan e inspiran ao alumnado, facendo posible que moitas destas ideas se convertan en proxectos reais".

A deputada felicitou aos participantes, finalistas e gañadores desta edición do MiniMarket e destacou a vontade da Deputación de seguir colaborando con iniciativas que promovan a cultura emprendedora entre a mocidade da provincia.