Estás en:Novas

A Deputación identifica o MUDITEL como exemplo de memoria tecnolóxica convertida en recurso pedagóxico e turístico

Nos últimos anos, o museo coruñés vén mellorando e modernizando as súas instalacións e recursos expositivos como beneficiario das liñas de subvencións da Deputación

Na visita que fixeron esta mañá ao espazo, o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, a responsábel de Cultura, Natividade González, e a deputada Avia Veira, destacaron o éxito conseguido polo Museo no ámbito da formación escolar e referendaron a aposta da Deputación pola divulgación científica

A Deputación identifica o MUDITEL como exemplo de memoria tecnolóxica convertida en recurso pedagóxico e turístico

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; a deputada de Cultura, Natividade González, e a deputada e voceira do grupo provincial do BNG, Avia Veira, visitaron hoxe o Museo Didáctico das Telecomunicacións (MUDITEL), onde coñeceron de primeira man o labor de conservación e divulgación do patrimonio tecnolóxico que desenvolve esa entidade.

Durante a visita, percorreron as instalacións do museo canda o seu presidente, Félix Rodríguez Fernández, e un dos membros fundadores, Ernesto López Naveiras. Con eles abordaron o funcionamento do espazo e o traballo que realiza na recuperación e posta en valor da evolución das telecomunicacións. O museo conserva e exhibe equipamentos históricos plenamente operativos, reproducindo o funcionamento real das antigas instalacións telefónicas.

O Museo Didáctico das Telecomunicacións vén sendo beneficiario, nos últimos anos, da liña de subvencións convocadas polo departamento de Cultura provincial dirixida a entidades sen fins de lucro para a mellora de equipamentos e a adecuación de instalacións, axudas coas que a entidade reforza a súa actividade divulgativa e garante a conservación do material expositivo.

Aposta pola cultura e pola divulgación científica

Para Xosé Regueira,«a aposta da Deputación pola cultura e pola divulgación científica é estratéxica e reflíctese en proxectos coma o do MUDITEL». «Este espazo», salienta, «constitúe un exemplo de como a memoria tecnolóxica pode converterse nun recurso educativo e turístico de primeiro nivel». «Co noso apoio económico, queremos garantir que este legado siga sendo operativo e accesíbel, convertendo a Coruña nun referente da arqueoloxía industrial e tecnolóxica que explica de onde vimos e cara onde imos».

Natividade González destacou a adecuación das instalacións do museo coma «un paso máis para abrir o museo a novos públicos, mellorar a experiencia das persoas visitantes e fortalecer a capacidade pedagóxica do museo». «Desde a área de Cultura apostamos por este proxecto porque democratiza o acceso á historia das telecomunicacións e dignifica o esforzo de quen mantivo conectada a nosa provincia durante décadas», afirmou. «Mellorar estas salas é investir nunha cultura dinámica, onde o visitante pode tocar, sentir e aprender de forma directa».

Segundo Avia Veira, o MUDITEL «é exemplo de como a autoorganización e o compromiso social poden salvar pezas históricas que, doutro xeito, acabarían no esquecemento». «Para a Deputación», abundou, «é prioritario que os recursos públicos sirvan para fortalecer o tecido asociativo e cultural da cidade, asegurando que proxectos tan singulares como este, con forte compoñente social e educativo, conten coas infraestruturas modernas e seguras que merecen».

O museo

O Museo Didáctico das Telecomunicacións naceu grazas ao esforzo e a paixón dun grupo de xubilados de Telefónica, que decidiron recuperar e restaurar equipos que estaban destinados ao despezamento. O que comezou como unha iniciativa para preservar a memoria industrial transformouse nunha colección única en España, xestionada pola asociación sen ánimo de lucro de amigos do museo.

Aberto desde o ano 2000, o MUDITEL recibe regularmente alumnado de centros educativos, profesionais do ámbito das telecomunicacións e público xeral interesado na historia tecnolóxica recente. O espazo ofrece un percorrido de carácter didáctico pola evolución das comunicacións, dende as primeiras comunicacións por sinais até a era dixital.

A súa importancia reside no seu carácter interactivo e operativo. A diferenza doutros museos onde as pezas son puramente contemplativas, en MUDITEL gran parte das centrais e aparellos funcionan perfectamente. Os visitantes poden ver en directo como operaban as centrais de conmutación manual —as das 'telefonistas'—, as automáticas de tipo paso a paso ou as rotativas, permitindo comprender a complexidade técnica que permitiu conectar o mundo durante o século XX.