Estás en:Novas

A deputada de Igualdade, Sol Agra Tuñas, presentou hoxe as actividades que desenvolverá a Deputación da Coruña con motivo do 8M

Un circuíto de actividades percorrerá a provincia para reivindicar que a igualdade non é só unha cuestión de datas sinaladas

Sol Agra destaca que «a igualdade real require un compromiso continuo e compartido ao longo do tempo»

A deputada de Igualdade, Sol Agra Tuñas, presentou hoxe as actividades que desenvolverá a Deputación da Coruña con motivo do 8M

A Deputación da Coruña presenta este ano un 8M centrado na memoria histórica e no papel das mulleres nas loitas sociais e laborais, reivindicando o seu protagonismo na transformación das comunidades e na conquista de dereitos. A programación pon o foco na visibilización das mulleres que sostiveron procesos colectivos fundamentais —como a reconversión naval de Ferrolterra ou as mobilizacións do século XX— e reforza a idea de que a igualdade real require un compromiso continuo e compartido. «Queremos incidir na resistencia, resiliencia, sororidade e no poder colectivo das mulleres para o avance social», indicou a deputada de Igualdade, Sol Agra, hoxe na presentación das propostas, nunha rolda de prensa na que tamén participou a xefa de sección, Eva Ovenza.

A imaxe da campaña deste Día Internacional da Muller foi deseñada pola cooperativa Cestola na Cachola e pretende reflectir os diferentes contidos que se programarán.

Unha das iniciativas desenvolvidas terá como protagonistas as mulleres durante a reconversión naval dos oitenta e noventa na comarca de Ferrolterra. «Queremos poñer en valor e traer á memoria colectiva o papel das mulleres na forza produtiva, na loita colectiva e nos coidados e na transformación industrial da bisbarra», afirmou a deputada de Igualdade. «É un acto de xustiza poñer en valor o seu papel, que foi silencioso e case invisíbel para os libros de historia, pero imprescindíbel», incidiu.

Mulleres da Reconversión consiste nunha serie de encontros con mulleres da contorna para investigar, por medio de entrevistas, o seu papel naquela etapa histórica. A raíz desa información elaborarase unha exposición e un vídeo documental, que se presentará en Fene o vindeiro 6 de marzo.

A deputada anunciou tamén un circuíto de actividades de igualdade que se desenvolverán na maioría dos concellos da provincia ao longo destes meses. «Será un programa constante porque a igualdade, como a eliminación da violencia de xénero, non é cousa de datas sinaladas; é un traballo diario de visibilización, prevención e concienciación».

As propostas incluirán obradoiros, teatro, curtas, contacontos e outras actividades para público infantil e adulto, da man de compañías, asociacións e artistas que desenvolven o seu traballo arredor da igualdade, do feminismo e dos dereitos das persoas con diversidade sexual e de xénero.

Exposición 'Sinaladas'

Por outra banda, a exposición Sinaladas, agora adaptada para poderse exhibir en interiores, estará en datas vindeiras ao dispor das entidades e concellos que o soliciten a través da plataforma SUBTEL da Deputación.

A comisaria e responsábel dos contidos da mostra, Montse Fajardo, acudirá á presentación en cinco concellos da provincia en datas aínda por confirmar. Sinaladas é, en palabras de Sol Agra, «unha homenaxe ás mulleres que formaron parte das loitas sociais desde o século XIX en Galiza e que non apareceron nos libros de historia: das agraristas e as cigarreiras ás represaliadas durante o golpe de Estado do 36 e a Ditadura. Unha visibilización e homenaxe necesarias ás mulleres que loitaron para que gocemos dos dereitos que hoxe temos».

Para lle poñer o ramo á programación deste ano, o día 7 de marzo, no Pazo da Cultura de Carballo, ofrecerase o concerto do décimo aniversario do grupo De Vacas. O espectáculo, titulado "Vacanal Sinfónica", contará con arranxos e dirección musical do compositor Lucas Rei, coa participación do Coro da Ra baixo a dirección de Ramón Bermejo e dunha orquestra creada especificamente para este proxecto.

Co concerto, o departamento de Igualdade provincial quere mandar, segundo Agra, unha mensaxe de feminismo reivindicativo cun formato musical e lúdico, que chegue á poboación desde a retranca irreverente de Faia Díaz, Inés Salvado e Paula Romero, subliñada pola guitarra de Guille Martínez. «Pois», afirma a deputada, «esa mensaxe de reivindicación dos dereitos das mulleres ten que trasladarse tamén fóra dos ámbitos máis formais para chegar a máis xente».

Plan estratéxico

Todas as actividades do programa se enmarcan, explicou Eva Ovenza, nun plan provincial, con máis de 170 accións, que é «unha folla de ruta e que ten vixencia ata outubro deste ano». «Na actualidade», adiantou a xefa de sección, estamos empezando os traballos para avaliar ese primeiro plan, estratéxico para nós, e logo diagnosticar a situación actual na nosa provincia en materia de igualdade, de diversidade e da prevención de violencias de xénero».

Estes plans serven, segundo Ovenza, «para lles poder trasladar todas estas actividades aos concellos, distribuílas no territorio da mellor maneira posíbel e acadar así os obxectivos de sensibilización e concienciación».

II Plan de igualdade

Por último, desde a área de Igualdade do ente provincial informaron do comezo dos trámites para a avaliación, diagnose e elaboración do II Plan de igualdade 2027-2031, que contará cunha metodoloxía participada e colaborativa en todo o territorio provincial.