A Deputación da Coruña arroupa a celebración da 51.ª Festa do Queixo coa participación seu mercado e actividades da marca ‘A paisaxe que sabe’
Na inauguración oficial participarán o vicepresidente, Xosé Regueira, e a deputada de Plans Provinciais, Cristina García
A institución provincial destaca o papel desta celebración como motor de dinamización social, cultural e económica
A Deputación da Coruña participará mañá, sábado 28 de febreiro, na inauguración oficial da 51.ª edición da Festa do Queixo de Arzúa, un dos eventos gastronómicos máis consolidados de Galiza e unha cita de referencia para a promoción do produto local e do territorio. O acto institucional dará comezo ás 12.00 horas na carpa instalada no Campo da Feira de Arzúa e contará coa participación do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e da deputada responsábel da área de Plans, Cristina García Rey, xunto a representantes institucionais e do sector agroalimentario.
A inauguración incluirá a benvida oficial, a entrega do premio do concurso de tapas e petiscos, unha homenaxe ás mulleres e homes da migración e as intervencións institucionais das autoridades presentes, antes do pregón inaugural, que correrá a cargo do actor Federico Pérez. O acto terá unha duración aproximada de 45 minutos.
A Deputación da Coruña colabora máis un ano coa Festa do Queixo de Arzúa, reafirmando o seu apoio aos eventos que contribúen á valorización dos produtos agroalimentarios de calidade, ao impulso económico do rural e á promoción turística da provincia a través da gastronomía e das experiencias vinculadas ao territorio.
No marco desta colaboración, a institución provincial contará tamén cun espazo propio a través do Mercado da Deputación, que reunirá a oito produtores agroalimentarios da provincia —Martietas de Fío, Pandejuevo, As Camposeiras, Cafés Lúa, Econatur, Xearte Brigitte, Lenatt Foods e Doces Raizame— xunto a 16 postos de artesanía representados polos nomes comerciais Silverfira, Acastrexa, Redeiras Artesas, D Rositas, Devalo, J. Eiroa Forxa, Amor ó Teu, Vacatola, Moira Artesanía, Bo Peixe, Deica Creacións, Susana Anta Cerámica, Na Mea Nani, Comeluz, Pepiña Medias Longas e Noga Arts, co obxectivo de dar visibilidade ao talento produtor e artesán local e favorecer a comercialización directa dos produtos de proximidade.
Ademais, co apoio da Deputación da Coruña desenvolveranse dous showcookings protagonizados por recoñecidos cociñeiros galegos. O sábado 28, Diego Mato elaborará un taco de steak tartar de tenreira galega con emulsión de queixo de Arzúa e unhas milfollas de pataca e queixo de Arzúa con polbo á prancha e crocante de Galmesán. Pola súa banda, o domingo 1, Iván Domínguez presentará uns mexillóns de Lorbé guisados estilo tigre con queixo Arzúa-Ulloa e chourizo ceboleiro, así como un falso risotto de trigo con Arzúa-Ulloa curado, sardiña afumada e encurtidos.
A institución provincial destaca o papel desta celebración como escaparate da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa e como motor de dinamización social, cultural e económica, capaz de atraer cada ano milleiros de visitantes e consolidar a identidade gastronómica da comarca e do conxunto da provincia.
