Estás en:Novas

A Deputación da Coruña presentou o ‘Manual para políticas culturais locais’, unha ferramenta práctica para reforzar as accións municipais

A publicación, encadrada na liña 'A cultura é un dereito', ofrece 6 fases e 25 accións para fortalecer o traballo dos concellos neste ámbito

«Publicacións coma esta contribúen precisamente a ofrecer un marco, unha metodoloxía e propostas concretas que poden adaptarse ás realidades diversas da nosa provincia», sinalou a deputada de Cultura, Natividade González

A Deputación da Coruña presentou o ‘Manual para políticas culturais locais’, unha ferramenta práctica para reforzar as accións municipais

A Deputación da Coruña presentou este mércores o Manual para políticas culturais locais. 6 fases e 25 accións para fortalecer a cultura, unha publicación da Área de Cultura que dá continuidade á estratexia provincial que sitúa a cultura como dereito e como eixe estruturante das políticas públicas. No acto tomaron a palabra a deputada de Cultura, Natividade González; o coordinador executivo deste volume, Fran Quiroga; a tamén coordinadora, Adela Vázquez, e o asesor da Área de Cultura, Xavier Campos.

O manual constitúe o segundo volume que sae do prelo ao abeiro da liña de traballo 'A cultura é un dereito' e está concibido como unha guía práctica dirixida a persoal técnico, responsábeis públicos e axentes culturais. A obra propón unha metodoloxía estruturada en seis fases e vinte e cinco accións co obxectivo de trasladar aos concellos ferramentas concretas para planificar, avaliar e impulsar proxectos culturais centrados no ben común e na garantía efectiva dos dereitos culturais.

A publicación «nace do rigor da investigación e do compromiso coa transformación social a través da cultura», explicou Natividade González, quen cualificou o volume como «máis ca un manual técnico, resultado dunha investigación profunda, dun coñecemento do territorio e dunha vontade clara de ofrecer ferramentas útiles para quen ten a responsabilidade de facer política cultural desde o local».

A proposición de Xavier Campos que abre a obra, 'Se eu fose concelleiro de Cultura', interpela directamente, para González, «a quen asumimos responsabilidades públicas e que nos lembra que a cultura non é un complemento, senón unha peza central do desenvolvemento democrático».

Para a deputada, as políticas culturais constrúense desde o local, pois «é nos concellos onde a cultura toma forma concreta, onde se escoita á veciñanza, onde se detectan necesidades e onde se tecen redes». «Por iso», engade, «é tan importante contar con ferramentas claras, coma este manual, para planificar, diagnosticar, avaliar e mellorar de maneira continua».

González puxo tamén en valor a cooperación institucional. «Sabemos que os concellos precisan acompañamento, recursos e orientación», polo que publicacións coma esta «contribúen precisamente a iso: a ofrecer un marco, unha metodoloxía e propostas concretas que poden adaptarse ás realidades diversas da nosa provincia», rematou.

Cultura híbrida

Para Xavier Campos, a cultura «ten que hibridarse, ten que relacionarse con todos aqueles movementos e causas que procuran mellorar a sociedade, porque cremos nunha cultura que traballa, que se relaciona coa igualdade, co medio ambiente, co patrimonio, coa cohesión social e con todas as causas xustas, que son máis necesarias ca nunca».

Ese é, incidiu, o enfoque co que o departamento provincial de Cultura traballa día a día e que está detrás da publicación, «pero procurando baixar esta idea xeral, esta idea común, ao que é a realidade local dos concellos, das comarcas do noso país e, fundamentalmente, das políticas locais».

O libro comparte, para Fran Quiroga, o lema da Deputación de que a cultura é un dereito. «Non quixemos elaborar un manual unicamente teórico ou abstracto do sentido, da importancia ou da necesidade de facer unha cultura que se reivindica a si mesma e que ten un impacto que transcende o ámbito sectorial, senón achegarnos a unha cultura que mellora as condicións de vida dos galegos e das galegas e de todo o conxunto do territorio».

O obxectivo da publicación é, salientou Quiroga, «que se converta manual técnico, pero sobre todo didáctico e pedagóxico, que poidan usar os concelleiros e concelleiras de toda a provincia, ou tanto un técnico cultural do Concello de Moeche coma unha técnica cultural en Compostela».

Adela Vázquez debullou a parte máis práctica dunha publicación que, segundo desexou, como antes tamén fixera Natividade González, «non quedase nos andeis, senón que se convertese nun instrumento útil para poñer en valor os cinco exemplos prácticos que propón».

Canto ao título da obra, a coordinadora explicou que «esas seis fases das que falaba son o piar sobre o que se desenvolven 25 accións para fortalecer a cultura, inspiradas neses cinco casos inspiradores que antes comentaba e que escollemos porque as súas aprendizaxes demostraron validez ao longo de anos de percorrido práctico». Na súa opinión, «o importante é que cada quen poida adaptar a guía ao seu contexto e, sobre todo, que non a utilice unha soa persoa, senón que se poida compartir e que, dalgún xeito, sexa posíbel que entre todas se fortaleza ese tecido, e por iso tamén hai accións que nos destacamos amplamente e que nos parecen fundamentais, como transversalizar a cultura coa saúde e a educación».

A cultura no centro das políticas públicas

'A cultura é un dereito' converteuse nun dos eixes estruturais das políticas provinciais neste eido. Concibido como un espazo para o pensamento, o debate e a reflexión compartida, parte dunha idea clara: «A cultura fai o que somos e, como tal, debe situarse no centro», resume González.

Desde o 2018, a Deputación da Coruña impulsa unhas xornadas monográficas con este lema onde se abordaron cuestións como a igualdade, a inclusión, a sostibilidade, a relación entre cultura e saúde, a innovación cultural ligada ao territorio ou o papel das políticas culturais municipais.

O pensamento xerado nestes encontros tamén deu lugar a dúas publicacións. A primeira delas, A cultura é un dereito. Unha visión social da cultura (2023), recompila e consolida boa parte das reflexións das primeiras edicións das xornadas. O manual presentado agora supón un novo chanzo nese camiño editorial, ao trasladar ao plano práctico municipal as conclusións e aprendizaxes acumuladas e reforzar unha política cultural de fondo que entende a cultura como dereito, como proceso e como ferramenta clave para fortalecer o tecido cultural do territorio.