Estás en:Novas

A Deputación recibe ao Hockey Marineda tras proclamarse campión da Copa da Princesa

O deputado de Deportes, Antonio Leira, felicitou ao equipo polo primeiro título da súa historia

A Deputación recibe ao Hockey Marineda tras proclamarse campión da Copa da Princesa

O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, recibiu onte no salón de plenos do Pazo Provincial ao equipo do Hockey Marineda, recentemente proclamado campión da Copa da Princesa feminina de hóckey a patíns, nun acto institucional de recoñecemento ao seu éxito deportivo.

Durante o encontro, no que participaron xogadoras, corpo técnico e representantes do club, Leira felicitou ao equipo polo título conseguido e destacou o mérito dun logro que supón un fito para a entidade e para o deporte da provincia. O deputado puxo en valor "o traballo, o compromiso e o espírito de equipo" que permitiron ao Marineda conquistar este trofeo e converterse nun referente do hóckey a patíns feminino.

Leira subliñou tamén a importancia de apoiar o deporte base e o deporte feminino, destacando que éxitos como o do Hockey Marineda "son un orgullo para toda a provincia e un exemplo para moitas nenas e mozos que practican deporte nos nosos concellos".

Pola súa banda, as integrantes do club agradeceron o recoñecemento da Deputación e compartiron co deputado e cos asistentes a satisfacción por un título histórico para a entidade, que agora afronta con ilusión o reto de continuar competindo ao máis alto nivel.