Estás en:Novas

O presidente da Deputación asiste na Coruña á I Noite Solidaria contra o Cancro

A cita, organizada pola AECC, reuniu a representantes institucionais, empresariais e sociais co obxectivo de apoiar a investigación oncolóxica e reforzar os servizos de atención ás persoas con cancro e ás súas familias.

O presidente da Deputación asiste na Coruña á I Noite Solidaria contra o Cancro

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu este xoves á primeira Noite Solidaria contra o Cancro, celebrada no salón Victoria do hotel Finisterre da cidade da Coruña. A cita reuniu a representantes institucionais, empresariais e sociais co obxectivo de apoiar a investigación oncolóxica e reforzar os servizos de atención ás persoas con cancro e ás súas familias.

Organizada pola Asociación Española Contra el Cancro na provincia da Coruña, a velada consistiu nunha cena en formato cóctel destinada a recadar fondos para impulsar novos proxectos científicos e contribuír á mellora da supervivencia e da calidade de vida das persoas afectadas pola enfermidade. O encontro contou cunha ampla participación da sociedade coruñesa e aspira a consolidarse como unha cita anual no calendario solidario da cidade.

Durante o acto púxose en valor o papel da investigación como "faro de esperanza" fronte ao cancro, unha metáfora que inspirou o lema da iniciativa, "Faros pola investigación", co que se pretende mobilizar á sociedade para seguir avanzando na loita contra esta enfermidade. A recadación da gala destinarase integramente a financiar proxectos de investigación e a manter os programas de apoio que a entidade ofrece a pacientes e familiares.