Os concellos da provincia poden solicitar espectáculos da Rede Cultural 2026 até o vindeiro 20 de marzo
O programa conta este ano cun orzamento de algo máis de dous millóns de euros e a Deputación financiará entre un 30 e un 75% do custo dos espectáculos, en función do número de habitantes de cada municipio
A deputada de Cultura, Natividade González, destaca que a Rede volverá ser este ano unha das «ferramentas centrais para garantir o acceso á cultura en todo o territorio da provincia»
A Deputación da Coruña abriu este venres, 6 de marzo, o prazo para que concellos e entidades soliciten espectáculos dentro da Rede Cultural 2026, prazo que ficará aberto até o vindeiro día 20 ás 14:00 horas. O programa conta este ano cun orzamento de algo máis de dous millóns de euros. Segundo establecen as bases publicadas no Boletín Oficial da Provincia, a institución provincial financiará entre un 30 e un 75% do custo dos espectáculos, en función do número de habitantes de cada concello.
A deputada de Cultura, Natividade González, destaca que a Rede Cultural «será, un ano máis, unha das ferramentas centrais da Deputación da Coruña para garantir o acceso á cultura en todo o territorio da provincia». Farao, ademais, «consolidando un modelo de cooperación cos concellos que permite programar actividades culturais de maneira estábel» nos 93 municipios da provincia.
O catálogo da Rede Cultural estrutúrase en catro programas: Escena ao Vivo! (espectáculos profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música), Visións (cinema e contidos audiovisuais), Lingua a Escena! (espectáculos profesionais de música, teatro, danza, maxia, narración oral e monicreques con contidos orientados á dinamización social da lingua galega) e Alicerce (espectáculos de grupos de música, danza e teatro non profesionais).
No caso de Alicerce, ademais dos concellos, poden contratar propostas artísticas non profesionais as entidades da provincia sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura.
Nesta edición figuran inscritas un total de 2.158 propostas de espectáculos, número moi similar á do ano anterior e tamén cunha distribución parella nas diferentes disciplinas artísticas ou categorías. Dentro de Escena ao Vivo! inclúense 672 espectáculos de teatro, 732 de música, 79 de danza e 91 de maxia. A convocatoria Visións reúne 89 propostas audiovisuais, mentres que Lingua a Escena! conta con 68 espectáculos e o programa Alicerce suma 427 espectáculos.
Durante o proceso de revisión avaliáronse un total de 2.813 expedientes. Finalmente quedaron descartados 77 por diferentes motivos, dos cales 37 corresponden a espectáculos.
No caso de Lingua a Escena!, a comisión correspondente valorou 120 propostas, das que finalmente quedaron inscritas 68. Pola súa banda, na categoría de danza de Escena ao Vivo! a comisión valorou 95 propostas, quedando inscritas 79. Nos dous casos, as propostas descartadas nestas categorías quedaron inscritas noutras categorías de Escena ao Vivo!.
Resolución de adxudicación
A resolución de adxudicación dos espectáculos comunicarase nunha terceira fase, antes do 8 de abril no caso dos concellos e antes do 15 de maio no caso das entidades. As actuacións terán lugar no ámbito territorial da provincia da Coruña durante o ano 2026 e até o 31 de marzo de 2027.
