A Deputación destina 300.000 euros para apoiar a construción do novo centro integral de rehabilitación de dano cerebral de Adaceco na Coruña
O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o presidente de Adaceco, Juan Luis Delgado, formalizaron hoxe o convenio na sede da institución provincial
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o presidente da Asociación de Dano Cerebral da Coruña (Adaceco), Juan Luis Delgado, asinaron hoxe na sede da institución provincial un convenio de colaboración destinado a apoiar con 300.000 euros a construción do novo centro integral de rehabilitación de dano cerebral da entidade na cidade da Coruña. Ao acto asistiu tamén o deputado provincial e tenente de alcaldesa da Coruña, José Manuel Lage Tuñas.
O proxecto permitirá dotar a Adaceco dunhas novas instalacións especializadas para a atención e rehabilitación de persoas con dano cerebral adquirido, ampliando os servizos que a asociación presta actualmente e mellorando a calidade asistencial para as persoas usuarias e as súas familias.
O novo centro situarase nunha parcela de preto de 2.000 metros cadrados cedida polo Concello da Coruña e situada entre as rúas Solís e Eirís de Arriba, na cidade da Coruña. O edificio conta con planta baixa e dúas alturas e permitirá ofrecer atención especializada a arredor de 40 persoas unha vez entre en funcionamento.
Tras o acto de sinatura, o presidente da Deputación destacou a importancia de apoiar o traballo das entidades sociais que desenvolven un labor esencial na atención ás persoas máis vulnerables. "Este convenio é a concreción dun compromiso que beneficia a cidade, á provincia da Coruña e a Galicia, xa que Adaceco da cobertura diaria a unha cantidade de usuarias e usuarios moi importante. A Deputación ten que estar apoiando esta mellora, que non é para a asociación, é para o conxunto da sociedade", afirmou Formoso.
O presidente provincial subliñou tamén que o novo centro suporá un salto cualitativo na atención a este colectivo, cunhas instalacións modernas e adaptadas ás súas necesidades, que permitirán ampliar servizos e mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
Formoso lembrou ademais a longa traxectoria de colaboración entre a Deputación e Adaceco e destacou que a institución provincial mantén unha liña estable de apoio ás entidades sociais da provincia. "Cada ano colaboramos con centos de entidades que desenvolven un traballo fundamental para construír unha sociedade máis xusta, solidaria e inclusiva", sinalou.
Pola súa banda, o presidente de Adaceco, Juan Luis Delgado, agradeceu o apoio da Deputación da Coruña á entidade e destacou que Adaceco atende usuarios "desde Carballo ata Neda, polo que é un centro para a provincia da Coruña".
"Vai ser un centro de referencia na atención a persoas con dano cerebral e estamos encantados con esta axuda da Deputación para poder terminar o edificio, que nos vai permitir minorar un crédito de 1 millón de euros que tiñamos solicitado. É unha axuda fundamental para a viabilidade económica de Adaceco", explicou o presidente da entidade, que agradeceu tamén a colaboración do Concello da Coruña cedendo os terreos para o inmoble.
José Manuel Lage puxo en valor "a implicación da Deputación e o compromiso persoal do presidente con esta actuación, que é moi importante para a cidade da Coruña e para Adaceco". "En 2027 esta cidade vai poder dispor dun centro pioneiro de atención ao dano cerebral e isto é unha boa mostra da política útil, a que espera a cidadanía", concluíu.
A construción deste novo centro permitirá mellorar de forma notable os servizos de rehabilitación e atención integral ás persoas con dano cerebral adquirido, así como ás súas familias. As novas instalacións facilitarán ampliar programas terapéuticos e ofrecer unha atención máis especializada e adaptada ás necesidades das persoas usuarias.
