A Deputación concede case 650.000 euros en axudas a 50 entidades e fundacións culturais
As contías concedidas oscilan entre os 5.000 e os 25.500 euros
A deputada de Cultura, Natividade González, afirma que con estas subvencións o obxectivo provincial é «facilitar a programación de actividades culturais»
A Deputación da Coruña fixo pública a resolución provisional da convocatoria de subvencións do programa FO215, destinado a fundacións, entidades titulares de museos, bibliotecas e organizacións de representación sectorial da cultura galega. Cun investimento total de 646.541,88 euros, a institución provincial garante o apoio a 50 entidades que desenvolven a súa actividade profesional ou amadora no ámbito cultural.
Nesta resolución, o importe máximo concedido ascende a 25.500 euros —recibido por entidades como a Fundación Rosalía de Castro ou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega—, mentres que a contía mínima se sitúa nos 5.000 euros.
A deputada de Cultura, Natividade González afirma que «este programa contribúe a reforzar o papel das fundacións, museos, centros de interpretación, bibliotecas e entidades culturais como espazos clave para a conservación, difusión e dinamización da cultura galega», e engade que «a través desta liña de axudas, a área de Cultura da Deputación continúa apoiando o traballo do tecido cultural, tanto profesional como amador, que desenvolve unha importante labor cultural e social no territorio».
Por último, González subliña que o obxectivo destas subvencións é «facilitar a programación de actividades culturais e fortalecer a rede de entidades que traballan pola promoción e difusión da cultura galega».
A partir da publicación no BOP ábrese un prazo de 10 días hábiles para que as entidades interesadas poidan presentar alegacións, comunicar a súa desistencia ou solicitar a reformulación do proxecto. Se non se presenta ningunha comunicación neste prazo, a subvención considerarase aceptada tacitamente.
A listaxe de entidades beneficiarias pódese consultar no BOP do 11 de marzo.
