Estás en:Novas

A Deputación impulsa o Campionato Galego de Salvamento e Socorrismo de categorías base, que se celebrará en xuño no Ézaro (Dumbría)

O organismo provincial achega 20.000 euros para a organización da proba

A Deputación impulsa o Campionato Galego de Salvamento e Socorrismo de categorías base, que se celebrará en xuño no Ézaro (Dumbría)

O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, e a presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA), Nuria Rodríguez, formalizaron este venres un convenio de colaboración para cofinanciar a organización do campionato autonómico de categorías base en espazos acuáticos naturais.

A administración provincial achega 20.000 euros, o que supón arredor do 70% do orzamento total necesario para o desenvolvemento desta cita deportiva. A través deste acordo, a Deputación mantén o seu apoio ás entidades que promoven a práctica físico-deportiva, con especial atención ao impulso do deporte feminino e ao fomento de actividades que vinculan o exercicio cos valores profesionais do socorrismo.

O evento, que terá lugar na praia do Ézaro, no municipio de Dumbría, desenvolverase durante tres xornadas consecutivas entre o 28 e o 30 de xuño. Prevese a participación de 13 clubs e máis de 450 deportistas de toda Galicia, abranguendo desde a categoría alevín ata a júnior, nunha competición que serve como peche da tempada autonómica e preparación para as probas de nivel estatal. A organización agarda unha afluencia de máis de 1.000 persoas entre familias e público, o que supón un impacto social e económico moi positivo para a zona da Costa da Morte, vencellando o deporte coa posta en valor do patrimonio natural.

Ademais das probas deportivas de area e auga, o proxecto inclúe un forte compoñente educativo mediante a realización de actividades complementarias para o público asistente. Entre estas propostas destacan os talleres de reanimación cardiopulmonar (RCP) con uso de desfibriladores e os simulacros de rescate con medios motorizados, orientados a concienciar sobre a importancia da xestión de emerxencias en mar aberto.