Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina 215.000 euros para o mantemento do centros socioculturais de Santiago

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Santiago, asinaron un convenio de colaboración para o mantemento no centro do Ensanche e os centros socioculturais do rural.

Tamén asinaron outro acordo para o Festival Rosalía, que recibiu máis de 12.000 euros de financiamento provincial.

Formoso e Sanmartín tamén selaron o traspaso de catro tramos de vías provinciais ao Concello de Santiago.

A Deputación da Coruña destina 215.000 euros para o mantemento do centros socioculturais de Santiago

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, formalizaron este venres no Pazo de Raxoi un amplo paquete de acordos que ratifican o compromiso da institución provincial coa capital galega. Esta colaboración tradúcese nunha importante inxección económica destinada á cohesión social e cultural, destacando a concesión dunha subvención nominativa de 140.042,13 euros para cofinanciar o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, cuxo orzamento total para este exercicio ascende a 226.821,76 euros.

De xeito complementario, a Deputación achega outros 75.000 euros para garantir o funcionamento dos centros socioculturais situados no ámbito rural compostelán, apoiando así un proxecto que conta cun investimento global de 150.000 euros e que resulta fundamental para o equilibrio territorial do municipio.

No ámbito da promoción cultural, ambas administracións selaron tamén o convenio para o desenvolvemento do Festival Rosalía 2026 por valor de 12.100 euros. Este evento consolídase como unha cita de referencia no calendario cultural da cidade e conta co soporte técnico e financeiro da Deputación para garantir unha programación de calidade que chegue a todos os públicos.

A xornada de traballo tamén serviu para oficializar o traspaso de titularidade de varias vías provinciais que, tras o acordo adoptado hoxe, pasan a ser xestionadas directamente polo Concello de Santiago. Entre os treitos transferidos atópase a estrada DP-7801 de San Lourenzo a Vidán, nun tramo de 1.269 metros, xunto coa súa correspondente variante duns 285 metros de longo.

Así mesmo, o Concello asume a titularidade doutro treito da DP-7805, que dá acceso ao Hospital Provincial e conta con 545 metros, e da DP-7806, a coñecida rampla ao Avío, que suma outros 273 metros de percorrido. Esta entrega de actas permite que o goberno local teña plena autonomía sobre estas zonas, facilitando futuras actuacións de mantemento e ordenación urbana nunha rede viaria que, pola súa funcionalidade, ten xa un carácter marcadamente municipal.