Xosé Regueira inaugura a nova área de autocaravanas de Ames, que conta cun investimento de case 55 000 euros da Área de Turismo da Deputación
Ao acto sumáronse ao redor de 100 autocaravanas e máis de 200 autocaravanistas, que participan até o domingo nunha concentración de tres días
O responsábel provincial de Turismo subliñou que o autocaravanismo representa un turismo tranquilo, cultural e respectuoso coa paisaxe
A Deputación da Coruña, o Concello de Ames e a Asociación Galega de Autocaravanas inauguraron a nova área destinada a estes vehículos en Bertamiráns, que conta cun investimento de case 55 000 euros da Área de Turismo provincial. Ao acto sumáronse ao redor de 100 autocaravanas e máis de 200 autocaravanistas, que participan até o domingo nunha concentración de tres días coincidindo coa estrea desta nova infraestrutura.
No acto interviñeron o alcalde de Ames, Blas García; o vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira; a presidenta da Asociación Galega de Autocaravanas, María del Mar García; e o vicepresidente da entidade, Cesáreo González. Tamén estiveron presentes concelleiros e concelleiras da corporación municipal.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou a importancia de dotar o sector autocaravanista de infraestruturas como esta. Segundo indicou, «as autocaravanas non son un problema; ao contrario, as administracións públicas temos un déficit con este colectivo e debemos dotar este tipo de turismo dos servizos necesarios».
O responsábel provincial de Turismo tamén subliñou que o autocaravanismo representa un turismo tranquilo, cultural e respectuoso coa paisaxe.
O alcalde de Ames, Blas García, amosou a súa satisfacción por inaugurar esta área «da mellor maneira posíbel, con máis de 100 autocaravanas e máis de 200 autocaravanistas». O rexedor destacou a necesidade desta infraestrutura debido ao crecemento experimentado polo concello nos últimos anos, que «agora mesmo conta con dúas zonas adecuadas para responder á demanda de espazo do colectivo autocaravanista». Ademais, anunciou futuras actuacións de mellora, como a ampliación e o peche da área situada no Milladoiro.
Durante o acto, a Asociación Galega de Autocaravanas fixo entrega de varios agasallos ao alcalde de Ames e ao vicepresidente da Deputación en sinal de agradecemento pola posta en marcha desta infraestrutura. Tanto María del Mar García como Cesáreo González coincidiron en destacar o impacto positivo que terá esta área para a zona, así como a proxección do nome do concello de Ames entre a comunidade autocaravanista.
Quince prazas de estacionamento
A nova área está situada na avenida José Luis Azcárraga, no lugar das Pateiras, a carón do coñecido pazo da Peregrina. O espazo dispón de 15 prazas de estacionamento para autocaravanas cunhas dimensións de 7,5 por 3,5 metros. Ademais, conta cunha praza adaptada, de maior tamaño (7,5 por 4 metros), que inclúe un espazo lateral adicional de 1,5 por 7,5 metros para facilitar o acceso a persoas con mobilidade reducida.
A zona está equipada cos correspondentes servizos de recollida de augas fecais, punto de subministración de auga potábel, toma de auga para encher os depósitos de augas limpas e unha reixa para o baleirado de augas grises e negras dos vehículos. Así mesmo, dispón de iluminación pública.
Para a execución do proxecto asinouse un convenio entre o Concello de Ames e a Deputación da Coruña cun investimento total de 68 437 euros, do que a entidade provincial financiou o 80 %.
