Estás en:Novas

A Deputación da Coruña, disposta a colaborar co Concello e o Deportivo para modernizar o complexo deportivo de Riazor

O acordo anunciado hoxe permitirá mellorar o estadio e renovar as instalacións deportivas de Riazor mediante a colaboración institucional

A Deputación da Coruña, disposta a colaborar co Concello e o Deportivo para modernizar o complexo deportivo de Riazor

A Deputación da Coruña manifesta o seu apoio ao acordo alcanzado entre o Concello da Coruña e o Real Club Deportivo para impulsar a modernización do complexo deportivo de Riazor, unha iniciativa que permitirá mellorar o estadio e renovar o conxunto das instalacións deportivas da súa contorna.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou hoxe que A Coruña non acollerá o Mundial de Futbol, pero acometerá un ambicioso proxecto de mellora de Riazor nunha rolda de prensa xunto ao presidente do Real Club Deportivo e máximo responsable de Abanca, Juan Carlos Escotet, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

A iniciativa aposta pola modernización do estadio de Riazor e pola mellora das infraestruturas deportivas da zona, incluindo o Pazo dos Deportes, co obxectivo de reforzar o seu papel como espazo de referencia para o deporte.

Durante a presentación do acordo, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, explicou que a cidade tomou a decisión de renunciar a optar a ser sede do Mundial de fútbol de 2030 para apostar por un proxecto de futuro para Riazor. Rey sinalou que A Coruña quería optar ao Mundial, pero "non a calquera prezo", e defendeu que a decisión responde a un exercicio de responsabilidade para priorizar investimentos que deixen unha mellora estrutural para a cidade.

Pola súa banda, o presidente do Deportivo, Juan Carlos Escotet, destacou que o acordo permitirá impulsar "un crecemento ordenado do Deportivo" e puxo en valor a colaboración entre institucións e entidade deportiva para desenvolver proxectos que beneficien á cidade e á súa afección.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que a melorra de Riazor "é un proxecto ilusionante". "Nunha oledada de mellora de infraestruturas deportivas en Europa, A Coruña merece unha aposta clara das administración, que iremos concretando nas próximas semanas e meses", afirmou, expresando tamén o seu desexo de que este impulso ás infraestruturas deportivas "veña acompañado de éxitos deportivos".