Estás en:Novas

A Deputación destaca a traxectoria do Circo de Artesáns como espazo de encontro cultural, social e cívico na cidade da Coruña

A deputada Avia Veira participou no acto institucional polo 179.º aniversario da entidade coruñesa

No acto tamén se recoñeceu a traxectoria do cirurxián Diego González Rivas, de quen salientou a vinculación coas raíces e que «se pode ser referente internacional e seguir sendo de aquí»

A Deputación destaca a traxectoria do Circo de Artesáns como espazo de encontro cultural, social e cívico na cidade da Coruña

A deputada provincial Avia Veira, por delegación da responsábel de Cultura, participou este mércores no acto institucional co gallo do 179.º aniversario do Circo de Artesáns da Coruña, celebrado na sede desta histórica entidade cultural da cidade. Veira destacou o papel que esta entidade desempeña desde hai case dous séculos como espazo de encontro cultural, social e cívico.

Durante o acto recoñeceuse a traxectoria do cirurxián coruñés Diego González Rivas, pioneiro e referente na cirurxía torácica, cun percorrido profesional que o levou a ser recoñecido internacionalmente.

Na súa intervención, Veira subliñou o valor do talento que nace na cidade da Coruña e que logra proxectarse no exterior sen renunciar ás súas raíces. «Diego González Rivas é un exemplo do talento que nace nesta cidade e que, desde aquí, é quen de iluminar o mundo enteiro», afirmou.

A deputada puxo tamén en valor o compromiso do médico coruñés coa súa terra, salientando que «nun contexto no que tantas veces se premia o desarraigo como condición para o éxito, é especialmente valioso que unha figura de referencia mundial manteña o vínculo coa súa terra».

Neste sentido, Veira enfatizou que a traxectoria de González Rivas demostra que «se pode ser referente internacional e seguir sendo de aquí», destacando o seu exemplo como mostra do potencial e da capacidade que existe no país cando se aposta polo talento propio.