Estás en:Novas

A Deputación da Coruña participa na conmemoración do 900 aniversario do Mosteiro de San Salvador de Bergondo

A Deputación da Coruña participa na conmemoración do 900 aniversario do Mosteiro de San Salvador de Bergondo

O Mosteiro de San Salvador de Bergondo acolleu este sábado o acto de conmemoración do seu 900 aniversario, unha efeméride que pon en valor nove séculos de historia.

O acto contou cun amplo programa de intervencións institucionais, así como actuacións musicais e proxeccións audiovisuais que repasaron a traxectoria histórica deste emblemático cenobio.

En representación da Deputación da Coruña participou o portavoz do goberno provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, quen destacou que "a nosa identidade constrúese pedra sobre pedra, ao longo dos séculos", subliñando o valor do mosteiro como "testemuña viva da historia de Bergondo e da provincia".

Fernández lembrou que a orixe documentada do mosteiro remóntase ao ano 1126, coa doazón da condesa Maior Roderici, e puxo en valor o seu papel como "referente patrimonial e cultural", afirmou, destacando tamén a singularidade artística do conxunto, que conecta Bergondo coas grandes correntes históricas europeas.

O portavoz provincial felicitou ao Concello de Bergondo pola organización desta conmemoración e salientou a importancia da colaboración institucional entre administracións e entidades culturais para impulsar iniciativas que poñen en valor o patrimonio. Neste sentido, destacou a apertura dun novo espazo expositivo que permitirá achegar a historia do mosteiro á cidadanía.

Fernández concluíu sinalando que este aniversario "debe servir para que as novas xeracións coñezan, valoren e se sintan orgullosas dunha herdanza tan sólida como o granito".

O acto contou tamén coa participación da alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, e representantes da Igrexa, da Xunta de Galicia e da Real Academia Galega. A celebración completouse cunha visita guiada ao recinto monástico.