Estás en:Novas

A Deputación impulsa en Muros un foro para pasar de facer cultura «para a mocidade» a facela «coa mocidade»

Muros acolle este xoves un foro da Deputación da Coruña que pon a mocidade no centro das políticas culturais

«Queremos dar un paso adiante e cambiar a mirada», sinala a deputada de Cultura, Natividade González

«A mocidade é un sector que moitas veces se nos escapa porque non se está a contar con ela», advirte a alcaldesa de Muros

A Deputación impulsa en Muros un foro para pasar de facer cultura «para a mocidade» a facela «coa mocidade»

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, presentou esta mañá no Museo do Mar de Muros o 2.º Foro de Traballo da Rede Cultural. O evento, centrado na relación entre cultura e mocidade, terá lugar este xoves, 26 de marzo, ás 16:00 horas, no auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros. No acto participaron tamén a alcaldesa de Muros, María Lago, e o coordinador das xornadas formativas da Rede Cultural, Roberto Pascual.

Durante a súa intervención, Natividade González destacou que as xornadas da Rede Cultural «son moito máis que un encontro puntual», xa que funcionan como espazos de traballo «moi pegados á realidade, cun carácter práctico, pero tamén reflexivo», nos que se combina a formación co intercambio de ideas. A deputada subliñou que estas iniciativas nacen co obxectivo de «mellorar a calidade do servizo cultural público que ofrecemos á cidadanía» e parten da idea de que «a cultura é un traballo compartido».

Nese sentido, incidiu na importancia da implicación de todos os axentes culturais, desde a creación ata a distribución e o propio público, para avanzar nun modelo máis sólido e participativo. Segundo explicou, o que se procura con estes encontros é seguir fortalecendo un servizo público esencial para a cohesión social, incorporando ademais unha ollada transversal na que a accesibilidade e a inclusión estean sempre presentes.

A deputada puxo o foco no tema central desta segunda edición do foro, a relación entre a mocidade e a cultura, e convidou a repensar os enfoques actuais. «Falamos moito de que á xente nova lle "custa achegarse" á cultura, pero quizais o que temos que facer é preguntarnos como nos achegamos nós a elas e a eles», afirmou.

Nesta liña, sinalou que o encontro nace da necesidade de escoitar máis, acompañar mellor e abrir espazos reais de participación, de xeito que a mocidade non sexa só público, senón tamén protagonista. «Queremos dar un paso adiante e cambiar a perspectiva: pasar de facer cultura para a mocidade a facela con e desde a mocidade», resumiu.

O foro desenvolverase cunha dinámica participativa conducida por Carlota Mosquera, que converterá a xornada nun 'Parlamento da Mocidade' no que mozos e mozas poderán expresar ideas, inquedanzas e propostas en diálogo directo con profesionais e institucións.

Pola súa banda, a alcaldesa de Muros, María Lago, agradeceulle á Deputación da Coruña que contase co municipio para acoller esta xornada e salientou a importancia de implicar á xente nova na vida cultural.

A rexedora indicou que «a mocidade é un sector da poboación que moitas veces se nos escapa, por causa de que non se está a contar con ela», e destacou o traballo realizado desde o Concello e os centros de ensino para dar a coñecer a iniciativa e fomentar a participación. «Agardamos que desta experiencia saia unha programación cultural máis atractiva para a xente moza e, sobre todo, que teña en conta a súa opinión, que sexan eles e elas quen nos axuden a nós a decidir que actividades se poden programar ao longo do ano», afirmou.

O coordinador das xornadas formativas da Rede Cultural, Roberto Pascual, explicou que este foro está concibido como unha xornada práctica orientada a atender as necesidades dos profesionais do sector, así como cuestións estratéxicas para mellorar o funcionamento da Rede Cultural da Deputación, que dá servizo a 93 concellos e mobiliza máis de dous millóns de euros.

Pascual subliñou que o obxectivo vai máis alá de ofrecer programación, xa que unha Rede Cultural viva debe atender tamén as dinámicas de mediación e os públicos que aínda non se senten interpelados polos espazos culturais. Sobre o encontro de Muros, destacou a vitalidade do movemento asociativo desta localidade e reivindicou o papel da cultura promovida desde os concellos como espazo de socialización e intercambio de experiencias.