A Deputación apoia o Festival de la Luz 2026, que celebra o seu 15 aniversario cun cartel encabezado por Pablo Alborán, Nena Daconte e Chambao
O deputado de Deportes, Antonio Leira, participou hoxe xunto á artista Luz Casal na presentación do evento, que se celebrará do 28 ao 30 de agosto en Boimorto
O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou hoxe xunto á artista Luz Casal na presentación do Festival de la Luz 2026, que se celebrará do 28 ao 30 de agosto en Boimorto e que este ano conmemora o seu 15 aniversario.
O festival contará cun cartel encabezado por Pablo Alborán, Nena Daconte e Chambao, nunha edición que volverá combinar diferentes estilos musicais e na que tamén participarán artistas como Repion, Boikot, La Bien Querida, Luar na Lubre, Cómplices, Ráfaga, Treixadura ou Budiño, entre outros.
Durante o acto, Antonio Leira destacou o valor dun festival "único pola súa capacidade para unir música, solidariedade e dinamización do medio rural", e subliñou o papel do evento como "un referente cultural da provincia que contribúe a levar a actividade e a programación de calidade máis alá das grandes cidades".
Pola súa banda, Luz Casal puxo en valor a traxectoria do festival, que ao longo das súas quince edicións reuniu a máis de 700 artistas nun proxecto de carácter solidario e cun forte vínculo co territorio. A artista lembrou que o evento mantén tres piares fundamentais: a música, a solidariedade e o apoio ao medio rural, converténdose nunha cita xa consolidada no calendario cultural galego.
Entre as novidades desta edición destaca a iniciativa Sílgaro, que dará protagonismo a artistas emerxentes de música de raíz galega e fomentará a participación interxeracional, con propostas nas que colaboran escolares e persoas maiores da contorna.
No acto de presentación tamén se fixo entrega dos fondos recadados na pasada edición, que ascenderon a máis de 111.000 euros e que se destinaron a diferentes fins solidarios, entre eles a Federación de Sociedades Musicais da Comunidade Valenciana, Cruz Vermella e proxectos sociais do propio municipio de Boimorto.
