Estás en:Novas

Instalación dunha rede de caixas refuxio para morcegos e caixas niño para aves insectívoras no piñeiral de Balarés

Instaláronse 30 caixas niño para aves insectívoras e 22 caixas refuxio para morcegos.

Esta actuación contribuirá a ofrecer refuxios de fauna nunha zona moi castigadas polos incendios forestais de agosto de 2025.

Instalación dunha rede de caixas refuxio para morcegos e caixas niño para aves insectívoras no piñeiral de Balarés

A Deputación da Coruña vén de impulsar a colocación dunha rede de 22 caixas refuxio para morcegos e 30 caixas niño para aves insectívoras no piñeiral, propiedade do ente provincial, situado nas proximidades do areal de Balarés, no concello de Ponteceso. Esta actuación enmárcase nas políticas de conservación da biodiversidade e de mellora dos hábitats forestais que promove a institución provincial.

Tanto os morcegos como as aves insectívoras desempeñan un papel fundamental nos ecosistemas, especialmente no control natural de pragas, xa que se alimentan de grandes cantidades de insectos. A instalación destas caixas proporciona espazos seguros para o descanso, a reprodución e a cría, contribuíndo así á conservación destas especies e ao equilibrio ecolóxico da zona.

O piñeiral de Balarés presenta unhas condicións ambientais axeitadas para a presenza destas especies, mais a dispoñibilidade de ocos naturais é limitada. Por este motivo, a colocación de caixas refuxio e niño constitúe unha medida eficaz para favorecer o seu asentamento e incrementar a biodiversidade do espazo.

As caixas, fabricadas en cemento de madeira para garantir unha longa duración, foron instaladas seguindo criterios técnicos especializados, tendo en conta factores como a orientación, a altura e a distribución no terreo, co obxectivo de maximizar a súa ocupación e garantir o benestar da fauna. Ademais, está previsto levar a cabo un seguimento periódico para avaliar o uso das caixas e a evolución das poboacións de morcegos e aves insectívoras.

Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña reforza o seu compromiso coa protección do patrimonio natural e coa promoción de actuacións sostibles que contribúan á conservación dos ecosistemas locais e á sensibilización ambiental da cidadanía.